Transportes evita pronunciarse sobre a transferencia da AP-9

Xuntanza entre os Executivos galego (á esquerda) e español, onte en Madrid. (Foto: Daniel Ramo)
Os trens Avril e Avlo chegarán no primeiro trimestre do ano 2024.

O Goberno do Estado español eludiu esta cuarta feira, 4 de outubro, tomar postura a respecto da transferencia da autoestrada AP-9 á Galiza, unha infraestrutura que considera "estratéxica". Así, o secretario de Estado de Transportes, David Lucas, evitou facer referencia á petición da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na rolda de prensa posterior á xuntanza que mantiveron en Madrid.

A transferencia da AP-9, o atraso na chegada dos trens de moi alta velocidade á Galiza e a reconstrución do viaduto da A-6 foron algúns dos temas tratados na xuntanza entre o Executivo español e o galego que tivo lugar esta cuarta feira na sede do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, en Madrid.

A Xunta da Galiza insistiu en demandar a transferencia da autoestrada AP-9 á Galiza e pediu que se facilite a tramitación da proposición de lei no Congreso dos Deputados, logo de ser aprobada no Parlamento galego. Con todo, David Lucas obviou o tema durante a rolda de prensa posterior. O secretario de Estado fixo gala, porén, da bonificación das peaxes, sinalando que desde a súa posta en marcha en 2021 –co acordo de investidura entre o BNG e o PSOE– e até xullo de 2023 bonificáronse 46,7% dos 103,6 millóns de tránsitos.

Ademais, Lucas ratificou que os trens de moi alta velocidade Avril entrarán en funcionamento na Galiza "o antes posíbel" durante o primeiro trimestre de 2024. Da mesma maneira, asegurou que os trens Avlo, a opción de baixo custo de Renfe, tamén circularán nese período polo país. "A nosa previsión era que entrasen en circulación no mes de novembro, pero a empresa Talgo pediu unha prórroga debido a diferentes cuestións", relacionadas coa seguridade, relatou.

"Independentemente de que a comezos de decembro poidamos ter eses trens, necesítase despois unha formación de maquinistas", aclarou Lucas sobre o que será a posta en circulación destes trens na Galiza no primeiro trimestre do vindeiro ano.

Nunha xuntanza que o secretario de Estado cualificou de "intensa" pero "moi produtiva", a conselleira galega Ethel Vázquez trasladou a petición de saber cantos trens Avril corresponderán á Galiza cando se faga o reparto entre autonomías, sinalando que un estudo realizado pola Xunta estabelece a necesidade de sete trens Avril.

Vázquez tamén urxiu o Goberno español a repor as frecuencias de tren eliminadas na pandemia e o aumento de prazas pola demanda crecente, ao que o Ministerio respondeu que Renfe oferta na Galiza "11% máis de prazas que antes da pandemia"

Transporte por estrada

A situación dos viadutos do Castro na A-6, colapsados en 2022, foi outro dos asuntos abordados. O Ministerio indicou que se manteñen as previsións para a reconstrución do viaduto, de maneira que en sentido Madrid estímase que se remate a finais deste ano. En sentido A Coruña, sinalou  Lucas, estará arranxado ao longo de 2024. O Goberno galego exixiu "a máxima axilidade para a reconstrución de ambos os viadutos e tamén garantías de seguridade durante a viabilidade invernal". 

Pola súa parte, o deputado do BNG Paulo Ríos 'Kai' instou esta cuarta feira a Xunta da Galiza na Comisión de Ordenación do Territorio do Parlamento a "impulsar medidas para mellorar o transporte público por estrada no rural galego", que nos últimos tempos vive un "grave deterioro".