"Fartas de non chegar a fin de mes", traballadoras de Inditex maniféstanse na Coruña

Manifestación das traballadoras de Inditex este domingo na Coruña (Foto: Nós Diario).
Na marcha, as traballadoras evidenciaron que xa están fartas de "aturar uns salarios de miseria que levan anos conxelados ou que mesmo foron a menos porque se reduciron as comisións".

Ao berro de "traballo en Inditex e non chego a fin de mes" unhas mil traballadoras das tendas da multinacional téxtil manifestáronse este domingo na Coruña para exixir condicións salariais e laborais dignas.

Na marcha, as traballadoras evidenciaron que xa están fartas de "aturar uns salarios de miseria que levan anos conxelados ou que mesmo foron a menos porque se reduciron as comisións".

"Somos as caras visíbeis de Inditex, pero os beneficios repártense con moita máis xenerosidade noutras empresas do grupo", denunciaron as traballadoras, pondo o acento no feito de que o colectivo de dependentas é o que menos cobra de todo o grupo. Como exemplo, subliñan que os salarios nos almacéns loxísticos chegan a duplicar as retribucións que percibe o persoal das tendas.

Salarios máis baixos e sen melloras sociais

"Chama a atención que aquelas empresas do grupo nas cales se perciben os soldos máis elevados e nas cales existen mellores condicións son aquelas que están máis masculinizadas" destacan as delegadas da Confederación Intersindical Galega (CIG) que participaron na manifestación.

Neste sentido, as delegadas da CIG explican que aínda que Inditex se abriu a iniciar unha negociación na Coruña, as ofertas económicas que o grupo puxo enriba da mesa "revélanse totalmente insuficientes", e por iso acordaron saír á rúa este domingo. "Non exiximos máis que ter un salario e unhas condicións dignas como xa hai noutras empresas do grupo", aseveraron.

Dereito a negociar na Galiza

"O estancamento e mesmo regresión nos dereitos do persoal das tendas non se pode separar da política de relacións laborais que Inditex iniciou hai un par de anos, tentando afastar a negociación colectiva dos centros de traballo para trasladala a Madrid, e así negociar comodamente coas cúpulas dos grandes sindicatos estatais", explican desde a central sindical. 

"As traballadoras queremos negociar as nosas condicións aquí", reclaman as delegadas da CIG, quen cualifican de "aberración" que a maior empresa da Galiza xogue a baza de afastar a negociación colectiva "porque lle resulta máis cómodo para evitar que nos organicemos e lle deamos unha resposta e porque as mobilizacións que se fan fóra de aquí non teñen o mesmo impacto social".