A CIG protesta ante a Xunta contra uns orzamentos "sen ningún complemento salarial" adicional ao estatal

"É un copia e pega do pacto a perdas negociado ás agachadas e asinado na mesa das administracións públicas do estado por CCOO e UXT", lamenta a central sindical.
Protesta desta quinta feira diante da sede da Xunta en Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Protesta desta quinta feira diante da sede da Xunta en Compostela. (Foto: Europa Press)

Sindicalistas da CIG participaron esta quinta feira nunha protesta diante do complexo administrativo da Xunta da Galiza en San Caetano (Santiago de Compostela) contra uns orzamentos para 2023 negociados "pola vía exprés" e que non incorporan "ningún complemento salarial" adicional á subida do Goberno español a pesar de que o incremento do IPC na Galiza é superior á media estatal.

Tras unha pancarta co lema 'Recuperar Dereitos. Recuperar Salarios', un grupo de manifestantes clamou contra unhas contas —e a habitual lei de medidas que a acompaña— que, aliás, non se modificaron "nin nunha coma" a pesar das alegacións presentadas polo sindicato.

A CIG lamenta que os Orzamentos sexan un "copia e pega do pacto a perdas negociado ás agachadas e asinado na mesa das administracións públicas do estado por CCOO e UXT", sen outra "fórmula" salarial a maiores. As contas, aliás, "manteñen suspendida a aplicación de todos os pactos e acordos retributivos e todos os dereitos recortados pola lei de medidas" de 2012.

En declaracións aos medios, a secretaria nacional de CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, insistiu nestas ideas e protestou pola ausencia "dunha fórmula salarial que complemente a suba do IPC galego, superior á do Estado español", mentres que os salarios "son máis baixos" e seguen sen recuperarse, "dez anos despois", os dereitos "recortados en 2012".

"O que fixo a Xunta en apenas 48 horas foi meternos unha negociación exprés na que non cambiou unha soa coma dos documentos que agora van ao Parlamento", reprobou, antes de incidir en que "se cambian varias cuestións da Lei de emprego público, funcións, escalas e categorías do persoal empregado público sen ningún tipo de escoita e proceso mínimo de negociación previa".

A representante de CIG tamén lamentou que non haxa ningunha mudanza lexislativa "de calado" ou fórmula prevista para "conseguir que haxa mellor ou máis emprego público", senón que, máis ben, o Executivo que dirixe Alfonso Rueda actúa "do revés". "O que fan é limitar os servizos públicos esenciais dunha forma bestial, de maneira que ningunha praza que quede vacante poida substituírse", avisou.

En fronte, sinalou que "se abre totalmente a posibilidade" a entes instrumentais para que poidan asumir tarefas que até o de agora "facían empregados públicos"; por exemplo, dixo, a tramitación dos fondos europeos de recupeeración. "Parécenos gravísimo", aseverou, antes de argumentar que determinadas funcións como esta deben ser realizadas por funcionarios públicos, "que son garantes de imparcialidade".

Comentarios