Tomban a concesión para a explotación da mina de litio no Suído e no Cando

Serra do Suído, un dos espazos ameazados pola mina de litio Alberta I (Xunta da Galiza).

A Consellaría de Medio Ambiente vén de denegar a concesión para a explotación da mina Alberta I que afectaría a serra do Cando, o monte Seixo e O Suído. Deuno a coñecer o BNG, que levara ao Parlamento informes negativos como o da Confederación Hidrográfica.

A Xunta de Galiza denegou a concesión á empresa Recursos Minerales de Galicia S.A., filial do grupo empresarial Samca, con sede en Zaragoza, para a explotación do proxecto de Alberta I, unha mina de litio que afectaría as serras do Suído e do Cando e o monte Seixo, por existir informes negativos como o da Confederación Hidrográfica.

Informa da denegación o BNG, que levara ao Parlamento da Galiza os citados informes para impedir a explotación da mina, que tería un grave impacto na paisaxe e no hábitat das citadas serras, así como afección nas e nos habitantes dos concellos de Avión, Beariz, Forcarei, Cerdedo-Cotabade e A Lama. 

O impacto negativo previsíbel sobre o medio ambiente levou a representantes da veciñanza e de colectivos sociais dos municipios afectados a organizarse para informar a poboación e deseñar un plan de acción conxunto e coordinado en colaboración con outros movementos afíns que nos últimos anos libraron as súas propias loitas, en Touro-O Pino, Corcoesto ou San Finx.

A empresa pretendeu ocultar o macro proxecto dividíndoo en seccións

“Este non dá a razón á gran resposta social de colectivos veciñais, de montes en man común e ecoloxistas. E dá a razón tamén ás esixencias do BNG, que denunciou o risco de fraude do proxecto mineiro de litio previsto por ocultar un macro proxecto dividíndoo en varios proxectos para eludir trámites ambientais inescusábeis”, afirma, nun comunicado de prensa, a deputada Noa Presas.

A nacionalista pon de manifesto que o Goberno do Partido Popular, “intentou favorecer os intereses das multinacionais depredadoras do territorio e negar información aos colectivos afectados”. “Ante a gran presión social, tivo que rectificar porque non había garantías para unha zona moi ampla”, engadiu.

o PP é neglixente e favorece este tipo de situacións de risco polo cambio da lexislación e da normativa de aplicación

O BNG afirma que “a rectificación é positiva pero non deixa de ser grave e alarmante que amose como o PP é neglixente e favorece este tipo de situacións de risco polo cambio da lexislación e da normativa de aplicación, no caso de Galiza a lei de minaría, coa lei de implantación empresarial do 2017, coñecida como lei de depredación, e que se usou para intentar evitar o procedemento de Avaliación de Impacto Ambiental”.

O Tribunal de Xustiza da UE chegou a determinar que a Directiva 85/337 “non pode eludirse mediante o fraccionamento dun proxecto, de maneira que a non consideración do efecto acumulativo de varios proxectos non debe ter como consecuencia práctica que sexan eximidos na súa totalidade á obriga de avaliación cando, considerados conxuntamente poidan ter efectos significativos no ambiente”.

A explotación mineira ocuparía perto de 1.700 hectáreas nas comarcas do Carballiño, O Ribeiro, Pontevedra e Tabeirós-Terra de Montes na busca de litio, estaño e tántalo, minerais estratéxicos para o sector tecnolóxico.