Espolio a ceo aberto na serra do Suído e Seixo

A serra do Suído é un dos espazos ameazados pola mina de litio Alberta I (Xunta da Galiza).
A mina de litio Alberta I que prevén explotar inicialmente na serra do Suído aviva o movemento social contra o espolio do territorio e unha actividade extractiva desprovista de garantías legais e sociais.

Pola protección do medio natural e contra o espolio do territorio. A veciñanza das serras do Suído e do monte Seixo vén de se organizar nunha plataforma cidadá ante a inminente explotación do megaproxecto mineiro Alberta I que a empresa Recursos Minerales de Galicia S.A., filial do grupo empresarial Samca, con sede en Zaragoza, prevé desenvolver nos concellos de Avión, Beariz, A Lama, Cerdedo-Cotobade e Forcarei.

Unha vez finalizadas as prospeccións, o proxecto está en fase de tramitación á espera da concesión da explotación, un permiso que permitiría a explotación mineira de perto de 1.700 hectáreas nas comarcas do Carballiño, O Ribeiro, Pontevedra e Tabeirós-Terra de Montes na busca de litio, estaño e tántalo, minerais estratéxicos para o sector tecnolóxico.

Segundo revela o propio proxecto, Alberta I é só a primeira das intervencións que planea a empresa nos lugares de Doade, Acevedo e Rubillón, nos concellos de Avión e Beariz. Unha mina subterránea a máis de 400 metros de profundidade que ameaza con mudar a paisaxe exterior pero tamén as características morfolóxicas do terreo. "Podería afectar á subministración de augas, emitir materiais radioactivos e provocar afundimentos nunha área próxima ás casas e a espazos da Rede Natura 2000", explica a Nós Diario Elena Buch, integrante da plataforma SOS Suído-Seixo Mina Alberta Non.

Período de alegacións

O impacto negativo previsíbel sobre o medio ambiente levou a representantes da veciñanza e de colectivos sociais dos municipios afectados a organizarse para informar a poboación e deseñar un plan de acción conxunto e coordinado en colaboración con outros movementos afíns que nos últimos anos libraron as súas propias loitas, en Touro-O Pino, Corcoesto ou San Finx.

A súa primeira denuncia pública terá lugar esta mesma semana. "A vindeira sexta feira estaremos no concello da Lama para realizar unha presentación simbólica das alegacións que na práctica habemos trasladar á Xunta da Galiza, tanto á Xefatura de Sección de Avaliación Ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellaría de medio Ambiente como á Xefatura do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense, xa que son as que asinan o proxecto", recalca Buch, as responsábeis de darlle validez sen a correspondente avaliación de impacto ambiental

"Non hai Declaración de Impacto Ambiental, non se fixo unha avaliación seria dos danos que pode causar o proxecto no medio, polo que alegamos a falta de legalidade do proxecto, que non se axusta á norma nin atende un requiso esencial, a pesar de que desde a aprobación da 'Lei de depredación da Galiza' -Lei de fomento de iniciativas empresariais, de 2017- a Xunta permita facer as cousas desta maneira", advirte Elena Buch.

Defensa do territorio

Neste contexto, desde a plataforma cidadá SOS Suído-Seixo chaman a calquera persoa ou colectivo a presentar unha alegación contra o proxecto mineiro Alberta I, ben no rexistro da Xunta, con cita previa, ben a través da sede electrónica da Administración, seguindo o exemplo de colectivos e asociacións como Contraminacción, Ecoloxistas en Acción, Adega, Verdegaia ou o Sindicato Labrego Galego.

O capital das grandes multinacionais marchará para fóra e aquí deixarán, tan só, os postos peor pagados e os de maior risco para a saúde.

O movemento contra a mina Alberta I denuncia a ocultación por parte da empresa de "moita información" fundamental para a poboación, que tratan de conseguir por outros medios. Neste sentido queren sumar o apoio dos Concellos e das comunidades de montes para unha defensa real do territorio "onde a propia xente do lugar sexa quen poida manexar os seus recursos" lonxe da minaría extractiva e do espolio que representa. "Isto é pan para hoxe e fame para mañá. O capital das grandes multinacionais que dirixen o negocio da minaría marcha para fóra e aquí deixarán, tan só, os postos peor pagados e os de maior risco para a saúde", precisa Elena Buch, quen convida a cidadanía e as autoridades a buscar alternativas baseadas na  nosa riqueza patrimonial e de recursos. Cómpre unha explotación consciente que nos permita decidir que e como deixar en herdanza o territorio ás vindeiras xeracións".

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da cuarta feira, día 14, nos quiosques ou na nube]