Todo preparado en Melide para a 31ª edición da Festa do Melindre

Presentación da 31ª edición da Festa do Melindre (Foto: Concello de Melide).
Desde o Concello melidense queren pór en valor todo o que a localidade ten para ofrecer: “O patrimonio cultural de Melide é moito máis que castros, mámoas, igrexas, pontes medievais, escudos da nobreza, cruceiro, pazos e casas grandes. É tamén o bo facer das súas xentes”.

Todo preparado en Melide para a 31ª edición da Festa do Melindre a fin de semana do 13 e 14 de maio. Unha celebración xa clásica na localidade para a degustación desas pequenas rosquillas que son unha auténtica delicatessen.

Desde o Concello melidense queren pór en valor todo o que a localidade ten para ofrecer: “O patrimonio cultural de Melide é moito máis que castros, mámoas, igrexas, pontes medievais, escudos da nobreza, cruceiro, pazos e casas grandes. É tamén o bo facer das súas xentes”.

“Melide tamén é terra de oficios tradicionais, algúns dos cales aínda permanecen vivos no núcleo histórico da vila. Falamos de zapateiros, ferreiros, artesáns…. e tamén de melindreiros e melindreiras que nos seus fornos tradicionais seguen facendo melindres e outros doces como os ricos e os amendoados”, afirman desde o Concello.

E é que, tal e como lembran desde o Consistorio, non só son os melindres os protagonistas da festa. “Son tres os produtos que identifican Melide no eido da repostaría: melindre, rico e amendoado”, afirman.

"Unha oportunidade"

En declaracións a Nós Diario, o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, afirma que “Esta festa non é só unha festa gastronómica, é unha grande oportunidade para coñecer Melide, pasear polas nosas rúas e coñecer toda a nosa oferta cultural”.

“Trátase dunha festa de interese galego que porá Melide no centro do país. Esperamos unha afluencia masiva de xente xa que todo o mundo que decida asistir poderá pasar unha moi boa fin de semana na nosa localidade”, asevera o rexedor melidense.

Pola súa parte, Xosé Igrexas, concelleiro de Promoción Económica do Concello de Melide, tamén en declaracións a Nós Diario, asegura que “ofreceremos ás persoas asistentes diferentes e variados produtos de repostaría así como as estrelas da festa, os melindres, os ricos e os amendoados”.

“Haberá música durante toda a fin de semana mesmo con grupos portugueses, que lle darán o toque musical a esta fin de semana de celebración”, manifesta Igrexas.

Manuel Pampín, pregoeiro

O pregón terá lugar o domingo 14 de maio ás 12 horas na Praza do convento de Melide, e correrá a cargo do xornalista Manuel Pampín. Xunto ao pregón haberá a entrega das distincións de Embaixadores do Melindre, coa que tamén será galardoado.

O cociñeiro Andrés Torreiro, a futbolista Patricia López e a Adega Ribeirao son tres dos embaixadores da Festa do Melinde deste ano, de acordo co Concello.

Programación

O sábado 13 de maio darán comezo as festividades ás 11 horas. Unha hora despois haberá un obradoiro infantil de repostaría creativa. Tamén ao longo de toda a tarde, o Mago Antón amenizará a festa aos máis miúdos e miúdas. Coctelaría e un ‘showcooking’ tamén terán lugar ao longo da xornada do sábado.

Xa o domingo, ás 12 horas, Manuel Pampín dará o pregón para, acto seguido, dar paso a un pasarrúas con música tradicional. Ás 17.30 haberá unha actuación infantil e finalmente, ás 18 horas terá lugar o fechamento da festa.

Mais aí non acaban as festividades xa que, unha hora despois, ás 19 horas, a recoñecida artista, Sés ofrecerá un concerto a todas as persoas asistentes.