Cerdedo-Cotobade

Esta terza feira realizaranse as probas para a colocación dun guindastre sobre a ponte en Cerdedo-Cotobade

O autobís sinistrado que deixou sete falecidos (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
O obxectivo do dispositivo tras o sinistro da pasada Noiteboa, é retirar o autobús "canto antes".

Finalizadas as tarefas de rescate das vítimas do accidente dun autobús que causou sete mortos e dous feridos ao precipitarse por unha ponte de arredor de 30 metros sobre o río Lérez en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), os traballos na zona céntranse na recuperación do vehículo do leito do río, para o que será necesario a instalación dun guindastre.

O primeiro paso será a medición da capacidade de resistencia da ponte. Para iso, a partir das 9 horas desta terza feira está previsto que arrinquen as probas de carga da infraestrutura.

Esta información servirá de base aos expertos para elixir onde situar o guindastre encargado de levantar o autobús e elevalo até a propia ponte, xa que a orografía do río no lugar do accidente, con pronunciadas pendentes a ambos os dous lados do leito, obriga a realizalo desta maneira.

O obxectivo do dispositivo instalado en Pedre, Cerdedo-Cotobade, tras o sinistro rexistrado a pasada Noiteboa, é proceder á retirada do autobús "canto antes".

Con todo, o importante caudal que presenta o río Lérez nestes momentos despois das chuvias da última semana podería atrasar esta tarefa, aínda que as predicións meteorolóxicas apuntan a unha tregua das precipitacións, polo menos, até a tarde da cuarta feira.

Así as cousas, espérase que a recuperación do autobús sinistrado poida esclarecer as causas do sinistro. Trátase dun vehículo duns seis anos de antigüidade, con capacidade para 55 pasaxeiros e que realizaba para a compañía Monbus a liña Lugo-Vigo.

Até o momento, segundo confirmou esta segunda feira o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns; aínda non foi analizada a información do tacógrafo do autobús, cuxo condutor, un dos dous superviventes, deu negativo nas probas de alcol e drogas.

Na mañá desta segunda feira foi recuperado o corpo da última vítima falecida no accidente da ponte de Pedre, que foi localizado uns centos de metros río abaixo desde o lugar ao que se precipitou o autobús após saírse da vía e romper a varanda.

Concluída a procura dos desaparecidos, un equipo dos bombeiros descendeu até o autobús para realizar tarefas de preparación para a retirada do vehículo do río.

Así, os profesionais cortaron árbores e retiraron partes da carrocería do autobús para alixeirar o seu peso, alén de evitar que a auga se concentre no interior do habitáculo.