Cerdedo-Cotobade

O condutor do autobús recibe a alta e a investigación comeza con "todas as hipóteses abertas"

Estado no que quedou a mediana da estrada no lugar desde o que se precipitou o autobús. (Foto: César Arxina / Europa Press)
As condicións climáticas adversas puideron ser un dos factores que propiciaron o tráxico sinistro.

Unha vez concluído o operativo de busca na contorna do autobús que se precipitou ao río Lérez á altura de Pedre, en Cerdedo-Cotobade, e que se saldou con sete persoas falecidas e dúas sobreviventes, todas as miradas están postas agora na investigación cunha mesma pregunta: Por que se produciu a traxedia? O delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñóns, afirmou esta segunda feira, após desprazarse ao lugar, que "todas as hipóteses están abertas" polo de agora.

En declaracións aos medios, Miñóns explicou que a Garda Civil traerá un grupo especial de reconstrución de accidentes de Madrid para investigar as causas. Até determinaren algunha cuestión concreta relacionada co sucedido, "todas as hipóteses están abertas", dixo, aínda que "as condicións climáticas" da noite do sábado, Noiteboa, puideron ser "un dos factores".

Aliás, o delegado do Goberno explicou que a recuperación do autobús, que permanece semisomerxido no río Lérez, "dará máis información" para a investigación, ao tempo que quixo trasladar as condolencias do Goberno español aos familiares das vítimas nestes "momentos moi duros". Así mesmo, pediu "calma" e "prudencia" mentres non avance a investigacióne trasladou o "recoñecemento e agradecemento a todas as forzas de seguridade" e de emerxencias, que tiveron que traballar "en condicións moi negativas".

Pola súa parte, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, lembrou que o sábado "chovía moitísimo" no momento do sinistro e "había temporal", aínda que pediu prudencia para coñecer os resultados desta investigación que aínda está a comezar.

O condutor recibe a alta

O condutor do autobús recibiu a alta esta madrugada, mentres que a muller sobrevivente atópase na UCI do Hospital de Montecelo de Pontevedra, aínda que está fóra de perigo. O chófer, un home de 63 anos, fora trasladado ao Hospital Clínico de Santiago, onde ingresou na unidade de críticos. A Garda Civil confirmou que dera negativo nos test de alcol e drogas que se lle realizaron.

Unha liña "moi frecuentada"

Preguntada tamén polo sucedido, a alcaldesa de Monterroso, Rocío Seixas, asegurou que a liña Lugo-Vigo, a cuberta polo autobús accidentado, é moi utilizada pola veciñanza do seu municipio, así como por poboación recluída e mais as súas familias.

"É unha liña moi frecuentada polos monterrosinos, tanto para ir a Pontevedra como a Lugo. Esa liña de Monbus ten parada en Monterroso e é moi utilizada", constatou. Rocío Seixas tamén incidiu en que é unha liña que "para diante da prisión de Monterroso" e, en consecuencia, "é moi empregada tanto para familiares de presidiarios como para xente do cárcere que ten permiso". Precisamente, a única sobrevivente regresaba ao seu domicilio após visitar un familiar neste cárcere.

"Aquí somos afortunados, porque dentro da desgraza que supón esas vítimas, de Monterroso non hai ningunha", concluíu a rexedora. De Lugo hai unha vítima, unha profesora, de 44 anos, que impartía clases en Lalín, Guadalupe Díaz González. Este curso estaba a impartir aulas de Lingua Castelá no Instituto número 1 de Lalín.