Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade garda un minuto de silencio en memoria dos sete falecidos

O alcalde de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela (no centro) durante o minuto de silencio esta sexta feira (Foto Gustavo de la Paz / Europa Press).
A concentración estivo presidida polo alcalde, Jorge Cubela, que se desprazou até o lugar do accidente.

Veciñanza, autoridades e corpos de emerxencias do municipio de Cerdedo-Cotobade participaron no mediodía desta segunda feira nun minuto de silencio e "consternación colectiva" en memoria das sete vítimas mortais do accidente de autobús, así como para expresar a súa solidariedade cos dous superviventes.

A concentración estivo presidida polo alcalde, Jorge Cubela, que á primeira hora desta segunda feira se desprazou tamén até o lugar do accidente. Ademais, nela tomaron parte o resto da corporación, veciños, representantes de Protección Civil e Garda Civil e o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Vilanova.

Cubela pronunciou unhas palabras en nome da corporación municipal para testemuñar "a dor e a solidariedade" coas familias das vítimas, que "sufriron a fatalidade de perder nunhas datas tan sinaladas como estas os seus seres queridos dun modo inxusto e totalmente inesperado".

"Unímonos aquí todos nós, neste acto cívico, cun sentimento, un exercicio de humanidade e consternación colectiva para axudar a facer fronte ao abatemento que sofren esas familias, ás que lles queremos testemuñar, hoxe máis que nunca, o noso arroupo e a nosa empatía nunha traxedia desta magnitude", dixo o rexedor.

Nestes "momentos de incomprensión e dor", proseguiu, "non hai nada que poida reconfortar tan sensíbel perda", unha situación ante a que “Pedre [lugar do sinistro], Cerdedo-Cotobade e Galiza enteira "senten" a dor das familias”. "Pero, ante a adversidade, quero que saibades que todo o municipio está convosco nestes momentos difíciles e que fai votos para que desta traxedia xurda a forza necesaria para poder superar estas dolorosas circunstancias", engadiu Jorge Cubela.

Loito oficial

Cerdedo-Cotobade, igual que Nigrán, Agolada e Lalín, municipios de orixe ou residencia dos falecidos, decretaron días de loito oficial con bandeiras a medio mastro.

Do mesmo modo, tamén a Deputación de Pontevedra decretou loito oficial, e as bandeiras dos seus edificios ondean a medio mastro. A presidenta da Institución, Carmela Silva, trasladou a súa pésame ás familias e amigos das vítimas, á vez que agradeceu o labor e implicación dos servizos de emerxencias.

A novena pasaxeira

Os servizos de emerxencia deron por concluído o operativo de busca ás 17 horas do domingo, mais xa antes a Garda Civil tiña informado de que sería retomado en canto as condicións meteorolóxicas o permitisen. Ese momento chegou na mañá desta mesma segunda feira, cando o dispositivo se activou tras coñecerse que no vehículo viaxaba unha novena pasaxeira da que non se tivera constancia antes.