Cerdedo-Cotobade

Localizado o corpo sen vida da novena pasaxeira que viaxaba no autobús sinistrado en Cerdedo-Cotobade

Efectivos dos servizos de emerxencias, este domingo, no lugar do sinistro. (Foto: César Arxina / Europa Press)
O operativo de busca retomouse na mañá desta segunda feira.

*Información actualizada ás 11.58 horas

A Garda Civil xa anticipara este domingo que podería retomarse o operativo de busca polo accidente de autobús en Pedre (Cerdedo-Cotobade), que os servizos de emerxencia deron por concluído contra as 17 horas, cando o permitisen as condicións meteorolóxicas. E o momento chegou na mañá desta mesma segunda feira, segundo vén de indicar o servizo de Emerxencias 112-Galiza a través das redes sociais.

O balance do domingo saldárase con seis persoas falecidas e dúas que sobreviviron ao tráxico sinistro, o condutor, que deu negativo nos test de alcolemia e drogas, e mais unha pasaxeira.

Fora o propio condutor o que informara ás autoridades de que no autocar viaxaban, canda el, outras oito persoas, se ben debido ao número de denuncias recibidas pensouse que a súa declaración puido estar errada polo shock do momento e que serían oito os integrantes totais, contando o propio chófer.

Porén, agora fontes próximas ao caso confirmaron tamén a reanudación da busca co obxectivo de localizar esa novena persoa que viaxaría tamén no autobús malia non ter constancia as autoridades, nun primeiro intre, de denuncias de desaparición relativas a ela. Os servizos de emerxencia confirmaron hai escasos minutos a localización do noveno cadáver, dunha muller duns 50 anos de idade.

O fillo da única pasaxeira sobrevivente —canda o condutor— alertara nas últimas horas de que a súa nai non viaxaba soa no autobús, senón acompañada dunha familiar. O accidente sáldase finalmente con dúas persoas sobreviventes e sete falecidas.

No dispositivo traballaron a Garda Civil e a agrupación de persoas voluntarias de Protección Civil en Cerdedo-Cotobade. Aliás, alertouse aos Bombeiros do Deza, o servizo de Emerxencias da Estrada e mais os Gardacostas. O punto de partida para esta nova batida é o lugar no que se precipitou o autocar.

Loito oficial

Con motivo desta traxedia ocorrida en Noiteboa, os concellos de Agolada, Lalín e Nigrán, de onde eran orixinarias as vítimas mortais, decretaron senllos días de loito oficial para lembralas. Aliás, o Concello de Cerdedo-Cotobade convocou un minuto de silencio para as 12 horas desta segunda feira.

Tamén se sumou ao loito oficial nesta xornada a Deputación de Pontevedra, cuxos edificios administrativos teñen xa as bandeiras a media hasta. A presidenta, Carmela Silva, trasladou as "condolencias da corporación ás familias das persoas falecidas" e desexou unha "pronta recuperación" ás persoas feridas.