A terza feira comeza a picada da dose de reforzo aos menores de 30 anos

Vacinación dunha persoa na Galiza. (Foto: Xunta)
O presidente da Galiza anuncia que a terza feira da vindeira semana comeza o proceso de vacinación da dose de reforzo no grupo de idade de entre 18 e 29 anos.

A Consellaría de Sanidade iniciará a partir da terza feira da próxima semana a vacinación coa dose de reforzo ás persoas menores de 30 anos, citando as galegas e galegos de entre 18 e 29 anos que recibiran a segunda dose da vacina contra a Covid-19 hai cando menos cinco meses, o mínimo autorizado polo Ministerio de Sanidade.

Así o comunicou o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, despois do Consello de Goberno que decorreu esta quinta feira, salientando que mentres se avanza no proceso de vacinación tamén se efectuarán recuperacións para persoas doutros treitos de idade que aínda non recibiran a última picada.

Feixoo subliñou que teñen previsto contactar 165.000 persoas, após citar ao longo da presente semana 175.000 persoas de entre 39 e 30 anos, nun proceso que se reactivou a cuarta feira.

Un proceso “moi adiantado”

O presidente incidiu en que cos últimos datos de vacinación na man, o país está “moi adiantado a todos os parámetros” que se exixiran desde o Executivo estatal.

Asemade, aproveitou para dar os parabéns ás e aos profesionais sanitarios que integran o proceso, facendo fincapé en que é “un orgullo” contar cunha taxa de vacinación tan alta.

Con respecto a estes datos, apuntou que a Galiza é o territorio do Estado cunha porcentaxe máis alta (posición que comparte na práctica con Asturies), e está “entre as tres rexións con maior vacinación da Unión Europea”.