A Unión Europea, Estados Unidos e o Reino Unido recibiron nos últimas seis semanas máis vacúas contra a Covid-19 que o conxunto de África en todo o ano, segundo unha alianza de ONG que teme que, ao ritmo actual, a primeira dose non alcanzaría ao conxunto da poboación africana até abril de 2023.
En concreto, entre o 11 de novembro e o 21 de decembro, a UE, o Reino Unido e Estados Unidos recibiron 513 millóns de doses de vacinas, mentres que o dato global de África en todo 2021 rolda os 500 millóns. Só 8,6% dos cidadáns africanos contan coa pauta completa de vacinación, mentres que os países do G7 acumularán un excedente de 1.400 millóns de doses até marzo de 2022.
Nick Dearden: "Se queremos volver ter un Nadal normal, necesitamos vacinar a todo o mundo"
A Alianza People's Vaccine advertiu nun comunicado do perigo de "condenar ao mundo a un ciclo interminable de variantes, reforzos, restricións e mesmo confinamentos" se as vacinas non chegan de forma equitativa a todas as partes do planeta.
A directora de políticas de saúde de Oxfam e da citada alianza, Anna Marriot, sinalou que "ao bloquear as solucións reais para o acceso ás vacinas nos países máis pobres", os países ricos "están a prolongar a pandemia e todo o sufrimento que isto conleva".
Unha visión que tamén comparte o director de Global Justice Now, Nick Dearden: "Se queremos volver ter un Nadal normal, necesitamos vacinar a todo o mundo". Para iso, a Alianza People's Vaccine avoga pola exención das normas de propiedade industrial de vacinas, probas e tratamentos.
Unha portavoz da Alianza Africana para a Entrega de Vacinas, Maaza Seyoum, lamentou que, até o de agora "os líderes do norte global optaron polos obscenos beneficios das empresas farmacéuticas antes que pola vida da poboación de África".
Con todo, engadiu, a variante ómicron, detectada por primeira vez en Sudáfrica, "demostra que a desigualdade nas vacinas é unha ameaza para todas as persoas e en todas partes".