O mapa da enerxía eólica: estes son os aeroxeradores xa operativos en cada concello, coa comarca da Terra Chá á cabeza

Turbinas operativas por concello en xaneiro de 2022, segundo dispón o DOG na orde que regula o Fondo de Compensación Ambiental. (Infografía: Nós Diario)
Galiza produce na actualidade máis enerxía eléctrica da que consome, e a xerada pola forza do vento cobre a metade da demanda; porén, hoxe están a tramitarse máis de 300 parques que elevarían a produción eólica a 185% do consumo total do país. A Terra Chá concentra un de cada cinco dos 4.018 muíños en funcionamento.

Os balances presentados por Rede Eléctrica de España nos últimos anos evidencian que na Galiza se produce até 30% máis de enerxía eléctrica da que se consome. En concreto, segundo os datos máis recentes, correspondentes a 2021, a demanda eléctrica cifrouse en 17.510 xigawatts por hora (XWh), por volta de 24.211 XWh xerados ao longo dese ano.

Tres cuartos da produción eléctrica da Galiza proceden de fontes renovábeis, e até 39,5% do total é o volume da eólica, a través de 187 parques operativos que suman case 3.900 MW de potencia instalada repartidos en 4.018 aeroxeradores e que no ano 2021 produciron máis de 8.500 XWh —case a metade do consumo total do país—, apunta a patronal eólica. Esta cifra equivale ao consumo eléctrico anual de 2,6 millóns de fogares —na Galiza hai, segundo o IGE, 1,6 millóns de vivendas censadas—, se ben as renovábeis representan 46,2% do consumo enerxético final bruto, segundo o último balance do Inega, superando o obxectivo (42%) fixado no Pniec de cara a 2030.

Estas cifras, porén, non impiden que entre a Administración galega e a estatal estean a tramitarse máis de 300 novos proxectos eólicos —moitos deles en stand by durante anos— que suman en conxunto unha potencia total superior a 11.700 MW —77% deses proxectos xa con permiso de conexión á rede e os restantes coas xestións en curso, segundo datos de REE a 31 de decembro de 2022—, o que se traduciría, tomando como referencia as cifras actuais de produción eólica cos parques xa operativos, na xeración de até 24 XWh anuais.

É dicir, que só os parques que están en diferentes fases de tramitación producirían practicamente a mesma enerxía eléctrica que da que xa dispomos na actualidade sen todos eles e que representa un grande excedente. E engadindo a xeración deses máis de 300 proxectos futuríbeis aos 187 hoxe operativos, que tamén engadirían ao territorio galego máis de 2.000 novas turbinas —hoxe son máis potentes que antano, polo que se precisan menos para xerar a mesma enerxía—, a eólica podería chegar a producir na Galiza uns 32,5 XWh cada ano, isto é, case o dobre da demanda total do país en 2021.

As comunidades autónomas que máis potencia eólica teñen instalada na actualidade son Castela e León e Aragón, con 6.500 e 4.800 MW respectivamente. A Galiza é cuarta tras Castela-A Mancha (4.400 MW). Mais esta situación mudaría de forma radical de aquí a uns anos no caso —hipotético e improbábel— de se aprobaren  todos os proxectos en curso, xa que o noso país, cuxa superficie non alcanza os 30.000 quilómetros cadrados, superaría así os 15.500 MW instalados de eólica e ascendería até a segunda posición, por diante de Aragón (10.500 MW) e só superado, por pouco, por Castela e León (15.800 MW), cuxo territorio abrangue máis do triplo que o galego.

Terra Chá, terra eólica

Desde que en 1990 entrou en funcionamento o primeiro parque eólico do país, o de Cabo Vilán (Camariñas), o desenvolvemento da boiante industria das enerxías renovábeis non se produciu de igual forma en todo o territorio galego. Todo o contrario, pois os fortes ventos que imperan na Terra Chá levaron as empresas enerxéticas a apostar fortemente polo potencial aproveitamento eólico desta comarca, que hoxe abrangue 820 dos 4.018 aeroxeradores operativos na Galiza —un de cada cinco—. Especialmente significativo é o caso do concello de Muras, que ten a maior proporción de muíños (381) por habitantes (606). En segundo lugar fica Abadín, con 200 máquinas en funcionamento.

Sete comarcas non teñen muíños, mais só O Morrazo segue sen proxectos eólicos á vista

Son, en total, 125 de 313 os concellos que xa teñen na actualidade parques eólicos operativos. Hai unicamente sete comarcas, —Baixo Miño, Compostela, Terra de Lemos, Valdeorras, Quiroga, Viana e O Morrazo— sen aeroxeradores en marcha; porén, sobre todas elas —agás no Morrazo— cérnense diferentes proxectos que se atopan en diferentes fases de tramitación perante a Xunta da Galiza ou o Goberno español.

A Xunta acelera ante a inminente caducidade dos permisos de 140 proxectos

Até 140 expedientes de parques eólicos, que se traducen nunha potencia total de máis de 2.300 MW, segundo a patronal eólica, deben tramitarse perante a Consellaría do Medio Ambiente antes do próximo 24 de xaneiro para non perder os dereitos de acceso e conexión á rede eléctrica. A responsábel deste departamento, Ángeles Vázquez, informou esta sexta feira de que case a metade deles —64— foron xa resolvidos, con perto de 70% con declaracións de impacto ambiental (DIA) favorábeis e o 30% restante, negativas.

Vázquez cargou contra a "total falta de planificación" por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que fixou a data límite para tramitar os proxectos pendentes: "As comunidades non podemos ser simples xestorías dun Ministerio con certos caprichos que non nos traslada nin persoal nin medios", lamentou, ao tempo que chamou a "avanzar cara as enerxías renovábeis" mais "con sentidiño".

Industria autoriza a construción do parque eólico Figueiras, na Mariña, impulsado por Fergo Galicia Vento

Unha vez obtida a declaración de impacto ambiental, condicionada ao cumprimento de determinados requisitos para garantir a preservación do medio, a Consellaría de Industria é a responsábel de autorizar a construción do proxecto, como é o caso do parque eólico Figueiras, que vén de recibir a 'luz verde' nunha resolución que esta sexta feira recolleu o DOG.

Trátase dunha iniciativa de Fergo Galicia Vento nos termos municipais do Valadouro, Alfoz e Mondoñedo que constará de cinco muíños e unha potencia instalada de 22,5 MW que permitirán producir uns 78.000 MWh por ano, o equivalente ao consumo medio de 24.300 fogares.

Aliás, o DOG deu conta tamén esta sexta feira da concesión dunha DIA favorábel para os parques eólicos Touriñán III-2, de Greenalia —na Estrada, Cuntis e Campo Lameiro—; Cunca, de Green Capital Energy —Vila de Cruces—, e Orballeira, promovido polo conglomerado empresarial do que participa a familia do tenista Rafael Nadal e que impulsa cinco parques eólicos entre as comarcas de Valdeorras, Trives e Quiroga.