Debe usarse o 'electroshock' en psiquiátricos? Especialistas difiren sobre a conveniencia do uso de terapias electroconvulsivas

O método do electroshock é fortemente criticado. (Foto: Nós Diario)
O electroshock está xustificado en pacientes con casos de depresión grave ou esquizofrenia.

A raíz de que un xulgado de Santiago de Compostela autorizase a pasada semana a aplicación da terapia electroconvulsiva (TEC) a un paciente ingresado no Hospital Psiquiátrico de Conxo (Santiago) por un cadro psicótico, volveuse pór o foco sobre o uso do electroshock. Existe un debate social aberto arredor desta terapia, até tal punto que numerosos profesionais de psiquiatría prefiren non pronunciarse.

O mozo de 30 anos, orixinario de Arzúa, permanecía ingresado desde inicios de febreiro no centro psiquiátrico de Conxo. Tendo en conta os informes de psiquiatría do hospital, así como a avaliación forense e o recoñecemento xudicial do paciente, o xuíz estabeleceu que existía “un altísimo risco para a súa vida” debido á “grave patoloxía” que padece. Dado que todos os tratamentos previos fallaran, o xulgado determinou o seu ingreso xudicial no Hospital de Conxo e a aplicación dun tratamento de elctroshock, unha decisión rexeitada pola familia do paciente que pide o seu traslado a outro hospital. O xuíz sentenciou que o mozo “non é consciente do seu trastorno mental e da necesidade do tratamento pautado”, polo que está “imposibilitado” para “decidir no momento actual”. Ante “un risco grave e inminente para a integridade física do paciente” en forma de suicidio, o xuíz aceptou o electroshock.

O Movemento Galego da Saúde Mental indicou indicou onte a este xornal que “cando se produce unha situación de conflito entre paciente, familia e profesionais, debe valorarse como un fracaso na atención asistencial”. No referido ao uso do TEC, lembraron que este “é un procedemento invasivo e non exento de riscos” advertindo de que “con certa frecuencia aparecen episodios de amnesia ou confusión pos-TEC, así como cefaleas e náuseas, e pode haber complicacións cardíacas ou respiratorias”. Aseguraron tamén que “non é un tratamento preventivo” e expuxeron a dúbida de se, no caso de Conxo, “se seguiron os principios de urxencia, proporcionalidade e mínima intensidade posíbel até que o propio paciente puidera dar o seu consentimento á medida”.

A terapia electroconvulsiva, comunmente coñecida como electroshock, é un procedemento realizado nun quirófano baixo anestesia xeral que consiste en administrar unha corrente dunha intensidade controlada para provocar a repolarización das neuronas. Así o explica a Nós Diario unha psiquiatra do Sergas, que prefire non dar o seu nome. Asegura que esta terapia “mellora os síntomas dalgunhas enfermidades, como é o caso da esquizofrenia, especialmente cando existen síntomas catatónicos -aqueles que afectan ao movemento-“. Ademais, engade, “tamén se utiliza en casos graves de depresión”. 

A psiquiatra asegura que a TEC nunca é a primeira indicación, senón que se aplica en pacientes que non responden a terapias farmacolóxicas. “Tamén está indicada para mulleres embarazadas xa que os fármacos poden afectar ao feto mentres que a terapia electroconvulsiva só afecta ao cerebro”. A especialista sostén que a TEC pode producir alteracións de memoria, mais engade que “todas as terapias teñen contraindicacións”. “Hai debate sobre se a longo prazo a TEC pode producir un deterioro cognitivo previo ao que se produciría sen someterse a esta terapia, mais o tema é que as enfermidades psiquiátricas que tratamos tamén producen un deterioro cognitivo, polo que, neste caso, é unha cuestión de risco-beneficio”.

O debate social

Nesta liña, a psiquiatra asegura que “desde o punto de vista científico non hai debate, pois a terapia electroconvulsiva está aceptada pola sociedade científica con moi boa evidencia de que funciona”. Con todo, engade que “é fundamental que haxa unha boa indicación”, é dicir, “que se aplique en casos nos que sabemos que vai funcionar”.

Tendo en conta estas cuestións, a psiquiatra asegura que a polémica prodúcese ante as “ideas erróneas que hai sobre a TEC na poboación xeral”. Sinala que a mala prensa que ten o tratamento nace do imaxinario colectivo que bebeu, entre outros factores, do cine, no que a terapia aparece representada como se realizaba nos anos 50, sen anestesia e con contraccións musculares moi fortes. “A xente ten na cabeza a terapia de hai 70 anos, cando as indicacións e os procedementos eran moi diferentes”. Así, conclúe que “é como se a cirurxía tivese mala imaxe porque a xente pensase que se segue facendo sen anestesia e co paciente mordendo un pao”.

Desde o Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC) sinalan a este xornal que o persoal de psiquiatría deste centro comparte que a TEC pode ser unha alternativa eficaz nalgúns casos e inciden na necesidade de desestigmatizar esta terapia.