Contracultura

Miguel López: "Hai estudos que afirman que até o 40% das mulleres que ingresaban en Conxo non deberían telo feito"

Miguel López é un dos comisarios da exposición 'Voces esquecidas. As mulleres do hospital de Conxo', que estará no Arquivo da Galiza até setembro. Nesta conversa, explica a selección de expedientes, historias clínicas e correspondencia persoal así como algúns cabos soltos. "Faltaría un estudo en concreto para este sanatorio, polo que convidamos a facelo", advirte nesta entrevista.
Miguel López é un dos comisarios da exposición, xunto con María del Mar García Miraz e Concepción García (Foto: Nós Diario).
photo_camera Miguel López é un dos comisarios da exposición, xunto con María del Mar García Miraz e Concepción García. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu Voces esquecidas. As mulleres do hospital de Conxo?
Cada ano, con motivo do 8 de marzo, organizamos unha exposición enmarcada dentro do ciclo "Mulleres Sobranceiras". Este ano quixemos falar destas mulleres esquecidas e marxinadas pola súa propia condición de muller e tamén por consideralas loucas. O psiquiátrico de Conxo foi un dos primeiros en crearse no Estado español e ademais ten a particularidade de que conserva as historias clínicas completas desde a súa creación, en 1885. Non sei se é o único do Estado ou case o único, pero o máis habitual é que só se conserven a partir dos anos 50. 

Esta documentación é moi importante para a historia da evolución da psiquiatría no Estado. Ademais, aínda que non hai ningún estudo realizado en concreto sobre o de Conxo, as investigacións mostran que moitas mulleres eran ingresadas neste tipo de institucións por transgredir os propios roles de xénero que a sociedade patriarcal daquel momento lles impoñía. Hai estudos que afirman que até o 40% das mulleres que ingresaban non deberían telo feito. É certo que faltaría un estudo en concreto para este sanatorio, polo que convidamos a facelo, mais é moi posíbel que sucedese o mesmo. 

—Como foi o proceso de recoller e seleccionar toda a documentación?
Seleccionamos as historias que nos pareceron máis relevantes, por ser curiosas, representativas ou de mulleres interesantes. Por exemplo, está a historia dunha muller que era a criada dun capitán que marchou a Melilla e alí viu o desastre de Annual. Acabou sufrindo un trastorno de estrés postraumático que a levou a perder a fala. 

Hai moitos casos nos que se fala de loucura histérica ou de loucura puerperal, o que hoxe coñecemos como depresión posparto, e tamén de mulleres que volvían de América e os seus familiares as vían como loucas, alegando que fumaban e que ían ao cabaret, cousas que alí eran normais, mais que na volta á Galiza chocaban. Tamén temos o caso dunha muller que ingresou por ser considerada mala nai porque cando saía da casa non lle daba un bico aos seus fillos. 

Hai que ter en conta que as mulleres cumprían a función de levar ben a casa e ser boas nais, polo que se nalgún momento observaban que iso non se cumpría comezaban a pensar que pasaba algo malo aí. 

—As cartas expostas tamén complementan as historias clínicas, dando o outro punto de vista.
Nuns manuais de enfermaría psiquiátrica, expoñían que as cartas que contaban o que consideraban falso non deberían saír do hospital e tamén se aproveitaban como unha suposta avaliación ou demostración do estado mental das pacientes. Temos moitas cartas dirixidas a familias e tamén aos directores dos centros, pedindo auxilio, expoñendo a inxustiza de que elas estivesen aí e pedindo cambios, por exemplo, na calidade da comida que recibían. 

Son cartas moi duras porque expresan os sentimentos, os desexos de saír ou de visitas e son aínda máis duras cando te das de conta de que esas cartas nunca chegaron aos seus destinatarios. Logo hai casos que poderíamos chamar curiosos, como o dunha muller que non podía ter fillos porque o seu marido tiña algún problema e escribiu un poema dedicado a un posíbel neno, ou o dunha fotógrafa alemá que estaba en Vigo en 1938 e que pensamos que podía ser unha espía, xa que é o propio consulado quen a saca do psiquiátrico. 

Tamén están as prácticas que recibían, como o electroshock ou o tratamento por impaludización, que consistía en meterlles un virus ou algo semellante que provocaba picos de febre coa teoría de que eses choques bruscos facían reaccionar a pacientes en estado de shock.

Comentarios