"Tentei deixalo incontábeis veces e sempre volvía localizarme"

Beatriz López relata a situación de violencia machista que a levou a fuxir de Baralla. O home permanece detido.

A moza de 26 anos desaparecida durante 24 horas e atopada nunha hospedaría de Lugo, Beatriz López, explicou ao diario La Voz de Galicia a situación de violencia machista na que se atopaba desde había anos e que a levou a fuxir de Baralla para se agochar da súa ex-parella. 

"Comezou a pedirme que non puxese minisaias. Aceptei porque sempre uso pantalóns. Despois non quería que me maquillase nin que me peiteara"

"Agocheime porque tiña medo de que me matase", sinala Beatriz López en conversa coa xornalista Dolores Cela. Así explicou as razóns polas que decidiu marchar para a cidade de Lugo após ter sido golpeada polo que fora o seu compañeiro e que permanece detido á espera de que a xustiza decrete unha orde de afastamento e a retirada das armas de fogo que ten na súa posesión. 

Non era a primeira vez que batía nela e mesmo chegou a ameazala con lle "pegar un tiro". "Intentei deixalo incontábeis veces, mudei de teléfono, de piso, de cidade e sempre volvía localizarme", sinala.  

"Hai un ano que eu quería cortar a relación e non foi posíbel. El dicíame que non podía vivir sen min, que se o deixaba me faría isto e o outro", di, "era un machaque constante". 

"Hai un ano que eu quería cortar a relación e non foi posíbel"

Beatriz López sinala como a relación foi mudando. "Comezou a pedirme que non puxese minisaias. Aceptei porque sempre uso pantalóns. Despois non quería que me maquillase nin que me peiteara e andaba suxa e cun chándal todo o tempo", narra nun relato no que o control e os ciumes son unha constante. 

"Agora agardo que rematase o pesadelo", asegura.