Detido un mozo en Baralla após a desaparición dunha muller

Foi o último en ver á moza de 26 anos cuxos pais denunciaran a desaparición. A Policía non descarta ningunha hipótese, tampouco unha ausencia voluntaria.

Axentes da Policía Nacional de Lugo detiveron esta fin de semana un mozo do Concello de Baralla após a desaparición dunha muller de 26 anos a pasada sexta feira, 26 de febreiro. O detido, afirmaron fontes policiais citadas por Europa Press, coñecía a desaparecida - mantiñan unha relación- e, ao parecer, foi o último en estar con ela. Nas súas declaracións, recollen diversos medios, tería incorrido en contradicións na súa testemuña.

Por todo iso, iniciouse un proceso de investigación, após denunciar os pais a desaparición da moza. Non se descarta ningunha hipótese, tampouco que sexa unha desaparición voluntaria. Mais semella, sempre segundo as versións de axencias e medios, que hai indicios “de abondo” como para deter o mozo.