Sanidade pública

O tempo de espera para conseguir unha cita coa médica de cabeceira xa supera o mes

A veciñanza de Cangas do Morrazo, onte, protestando diante do centro de saúde. (Foto: Nós Diario).

Cangas do Morrazo saíu esta terza feira á rúa en defensa dos servizos de Atención Primaria na localidade. Unha das queixas das persoas asistentes son os tempos de agarda para conseguir unha cita coa médica de cabeceira. O período medio de espera para unha consulta na especialidade de Medicina Familiar na Galiza non deixa de medrar.

A veciñanza de Cangas do Morrazo volveu concentrarse esta terza feira diante do centro de saúde da localidade. A mobilización, convocada polo colectivo A Voz da Sanidade, serviu para denunciar a falta de medios no Punto de Atención Continuada (PAC) do municipio, unha dotación que presta, tamén, o servizo de urxencias á poboación de Moaña. Neste sentido, alertan da falta de persoal facultativo da especialidade de Medicina Familiar e Pediatría, así como doutro persoal sanitario como son enfermeiras e enfermeiros.

Cangas

O colectivo quéixase dos tempos de agarda para a realización de probas médicas. Nesta liña, denuncian tempos de espera de tres meses para unha consulta en Fisioterapia, demoras de máis de seis meses para unha proba en saúde mental e períodos de espera de até dúas semanas para unha cita coa médica de cabeceira. A este respecto, a súa voceira, Carmen Nores, denuncia a supresión do servizo de Pediatría na quenda de tarde. Nores explica, en declaracións  a Nós Diario, que “lamentabelmente os tempos de espera de máis de dúas semanas para conseguir unha cita médica no centro de saúde non se dá só na tempada de inverno, senón tamén nos meses verán, pola negativa da Xunta da Galiza a cubrir as libranzas do persoal ou as vacantes que se poidan producir”.

A alcaldesa de Cangas, Araceli Xestido, sinala a Nós Diario que “é imposíbel garantir uns tempos de atención razoábel, cando temos menos persoal médico para atender un número maior de pacientes”. Nesta liña, alerta da "intención da Xunta da Galiza de deteriorar de maneira lenta e segura a asistencia sanitaria en Cangas, facendo pasar como normais recortes que foron executado en 2020 coa escusa da Covid”. Asemade, critica “as condicións laborais do persoal do centro de saúde, cuxas baixas non son cubertas desde a Consellaría de Sanidade”.

Os tempos de espera para unha consulta en Cangas non son ningunha excepción. Así,  en Marín (O Morrazo), o período de agarda para una cita coa médica de cabeceira está entre 15 e 22 días. Porén, a voceira da Plataforma en Defensa do Centro de Saúde de Seixo (Marín), Iria Aboi, indica a Nós Diario que “hai persoas que solicitaron unha consulta de Pediatría o 26 de decembro e déronlla para o 18 de xaneiro”.

Condado, A Paradanta

Os períodos de agarda para conseguir cita médica son elevados, tamén, nas localidades das comarcas do Condado e A Paradanta. Así, a Plataforma en Defensa da Sanidade pública do Condado e A Paradanta apunta que a veciñanza de Ponteareas debe esperar até un mes para unha consulta coa médica de cabeceira; a da Caniza entre sete e dez días, a de Arbo seis días; a das Neves unha semana e a de Mondariz dúas semanas.

A problemática é común ao conxunto da Galiza. De feito, un estudo elaborado polo colectivo Chantada Quere Sanidade destaca que 43% das persoas que participaron no mesmo tardaron máis de 10 días en conseguir unha cita coa súa médica ou médico de cabeceira no centro de saúde de Chantada; 38,1% entre 7 e 10 días; 13,2% entre 4 e 6 días e 5,1% entre 1 e 3 días. Pola súa parte, a Xunta da Galiza sitúa o tempo medio de espera para una consulta en Atención Primaria en 10 días.

O secretario nacional da CIG-Saúde e médico en Atención Primaria, Manuel González Moreira, explica a Nós Diario que “una das razóns de ser da Atención Primaria é dar una resposta inmediata aos problemas de saúde da poboación, nun prazo que non debe exceder nunca as 24 ou 48 horas”. Nesta liña, denuncia que “as axendas dos profesionais están cheas e por iso é necesario máis persoal".

O caso do Rosal

As elevadas axendas do persoal médico son obxecto de constantes críticas por parte de persoas usuarias. A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal, no Baixo Miño, criticou esta terza feira que no centro de saúde da localidade os profesionais deben “atender  entre 40 e 50 pacientes ao día, o que ademais de ser unha cifra inaceptábel non impide que a demora para obter unha cita de Atención Primaria sexa agora mesmo de sete días”. Neste sentido, denuncia “a precariedade e as deficiencias no servizo de Atención Primaria do centro de saúde rosaleiro”.

O colectivo lembra que “malia que hai máis de un ano que se creou a cuarta praza para persoal médico reivindicada pola plataforma, na actualidade esta praza segue sen estar cuberta, polo que continúan a ser tres as médicas coas que conta o centro de saúde”. Nesta dirección, asegura que “mentres, o consultorio de San Miguel permanece fechado, non se cobre a cuarta praza de facultativa e seguen sen cubrirse as baixas e as vacacións, polo que é moi frecuente que o centro de saúde conte soamente con dúas ou incluso en moitas ocasións cunha soa médica para atender máis de 6.000 persoas”.

Os 'Criterios de Calidade das Axendas dos Médicos de Familia de Atención Primaria' aprobados pola Xunta de Galiza en 2021 fixan en 40 o máximo de pacientes que pode atender nun día de traballo un facultativo de Atención Primaria.