Entrevista

Eva González, Coordinadora do GDR Limia-Arnoia: "Temos terra agraria de calidade abandonada"

Eva González, coordinadora do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia.
O Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia vén de pór en marcha unha iniciativa coa que pretende pór a producir as terras agrícolas e gandeiras abandonadas das comarcas da Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova e Allariz-Maceda. Nós Diario conversa coa súa coordinadora, Eva González. 

—En que consiste Aterra?

Desde o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia levamos anos traballando no desenvolvemento rural dos 25 concellos das comarcas de Allariz-Maceda, Terra de Celanova, Baixa Limia e A Limia, e detectamos algo común en todos eles, e común a toda a Galiza. Por unha parte, existe unha demanda de terra agraria e, pola outra, dificultade para atopala. 

Para solucionar isto ocorréusenos esta iniciativa baixo un concepto moi simple pero innovador. Cal é o método que funciona na Galiza para acceder a un alugueiro ou á compra dunha finca? O boca a boca. Collemos este sistema, o contacto familia, o contacto amigo, e démoslle formalidade, asesoramento e acompañamento, e como ferramenta, propuxemos un visor web. 

O equipo técnico do GDR está disposto a traballar para que todas as ofertas de terra cheguen a bo porto. Para que todos os que desexen terra agraria no noso territorio accedan a ela, porque temos terra agraria de calidade abandonada.

—Como funciona?

No visor web, que non é o eixo central do proxecto, cada propietario ou demandante de terra pode marcar no mapa que parcela ou zona determinada do territorio lle interesa, cantas hectáreas quere e para que as quere. Pouco máis. Catro datos que para nós son básicos para pór a maquinaria a funcionar e que cada persoa atope o terreo agrario ou gandeiro que necesita. 

Botamos man dos axentes locais, dese boca a boca tradicional que nós articulamos a través das oficinas agrarias comarcais, das Alcaldías, dos agricultores que xa existen e dos técnicos locais de emprego. Contactar con toda a xente que nos poida dar referencias dos territorios para pór en contacto demandantes e propietarios, acompañándoos en todo o proceso até que cheguen a asinar un documento de arrendamento ou de compraventa ou de uso, cesión ou o que for.

—En que se diferencia entón Aterra do Banco de Terras da Galiza?
Ambas as dúas son ferramentas moi válidas e que teñen que ver co acceso á terra. O Bantegal é un instrumento administrativo que complementa a Aterra, e Aterra complementa igualmente a Lei de Recuperación das Terras Agrarias da Galiza.

Para acceder a unha terra dispoñíbel no Bantegal hai que seguir uns procedementos administrativos e burocráticos fixados, que normalmente se alongan no tempo. Aterra non ten procedementos administrativos, porque o que facemos é darlle un pouco de formalidade a esa informalidade, non deixar sós os demandantes e os ofertantes nas súas negociacións. Dámoslles aos usuarios e usuarias un soporte de maneira gratuíta para que quen queira terra agraria para traballar teña acceso a ela.

Aterra permite que se os demandantes ou os ofertadores queiran que o contrato de uso da terra se formalice a través do Bantegal, sexan acompañados no proceso. Igualmente, se quixesen asinar un contrato privado de arrendamento, o equipo técnico tamén asesoraría ambas as partes en todos os aspectos.

O obxectivo da iniciativa Aterra é buscar a vía que propietario e demandante consideren máis axeitada para que a terra se poña a producir o máis rápido posíbel.

Unha iniciativa "con futuro"

A acollida de Aterra está a ser, en palabras de Eva González, "moi boa". Após lanzar o proxecto en decembro de 2022, o GDR está inmerso xa nun proceso de selección de persoal para contratar unha persoa que se dedique exclusivamente a Aterra. Ao tempo, realizan "un traballo intenso" na difusión da existencia do proxecto para que se poña en marcha "ese boca a boca no que se basea".

Desde o GDR Limia-Arnoia consideran que, sendo o problema do abandono de terras común a toda á Galiza, Aterra pode ter futuro aplicado noutras comarcas. "Cremos que Aterra pode estenderse ao conxunto do país e atender as diferentes realidades agrícolas e gandeiras que existen", afirma González.

"Pódense recuperar os terreos abandonados e a poboación no rural. Por iso se chama Aterra, para que mozos e mozos ‘aterren’ nestas comarcas", sentenciou.