Os propietarios descoñecidos supoñen entre 30% e 40% das parcelas existentes na Galiza

A responsábel de Agader, Inés Santé, trasladou ao Parlamento galego que este problema de abandono “é aínda maior do que pensabamos".
Unha mostra da desfeita territorial na Mariña, con crecementos urbanísticos fóra de control e ladeiras a monte. (Foto: Miguel Pazos)
photo_camera (Foto: Miguel Pazos)

Os propietarios descoñecidos de parcelas na Galiza supoñen entre 30% e 40%, con algúns casos puntuais que alcanzan 80% en zonas nas que non está desenvolvido o catastro, segundo datos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

Recentemente, a responsábel de Agader, Inés Santé, trasladou ao Parlamento galego que este problema de abandono “é aínda maior do que pensabamos".

Así, as cifras  do Goberno galego apuntaban a un "dato inicial" de que nas zonas de concentración parcelaria existe unha superficie media do 10% de propietarios descoñecidos, aínda que estas áreas de reestruturación son de gran actividade. O feito é que esta afectación se dispara en zonas onde se aplican novos instrumentos postos en marcha pola Xunta contra o abandono, en particular en zonas sen regular o catastro.

Agora, a Xunta traballa en "atallar" esta problemática cos novos procedementos e instrumentos por mor da lei de recuperación de terras. Na Galiza hai uns 11 millóns de parcelas e 97% do chan está en mans privadas.

Mentres, Medio Rural prevé completar unha trintena de procesos de concentración parcelaria no primeiro semestre de 2023. Do total, en 24 casos xa se entregaron os títulos, mentres que se fará o propio na media ducia nos próximos meses.

Os 24 procesos xa concluídos supoñen 17.400 hectáreas ordenadas, 25.500 leiras de substitución e un total de 11.300 propietarios beneficiados. A entrega pendente dos títulos de media ducia de zonas suporá sumar 3.000 hectáreas máis.

Os procesos de concentración parcelaria iniciáronse a mediados da década dos 50 do pasado século no Estado español impulsados polo ministro franquista de Agricultura Rafael Cavestany de Anduaga.

A Xunta cifra que se actuou desde que comezaron os procesos de concentración na Galiza en máis dun milleiro de zonas que abarcan unha superficie de máis de 500.000 hectáreas, con preto de medio millón de propietarios beneficiados.

Comentarios