Técnicos de Talgo negan o borrado de datos do Alvia sinistrado

Vítimas do accidente do Alvia en Angrois ante as portas do xulgado de Compostela en xullo de 2020 (Imaxe: Europa Press).
Achegan novos documentos á causa do accidente que hai case sete anos provocou o falecemento de 81 persoas. Está previsto que a instrución do caso se estenda máis aló do mes de setembro.

No mes no que se cumpren sete anos do accidente de tren de Angrois, o xuíz Andrés Lago tomou declaración a catro antigos empregados de Talgo en relación á acusación do borrado de datos sobre avarías do convoi sinistrado naquel 24 de xullo.

Ás portas do xulgado de Compostela concentráronse onte vítimas do accidente, no que faleceron 80 persoas e 144 resultaron feridas.

Durante a vista, decorrida tras catro aprazamentos sucesivos debido á pandemia, o primeiro en declarar foi o ex mecánico de Talgo, que se ratificou na súa denuncia e mantivo que, pouco despois do accidente, "viu como ordenaban ao informático que borrase as avarías pendentes do tren". Segundo a súa versión, modificouse a data do ordenador para que "desaparecesen". 

Posteriormente, técnicos de Talgo, o administrador de sistemas informáticos, o xefe de taller e o director de mantemento negaron as acusacións. Así o explicou o avogado defensor do maquinista do convoi, Manuel Prieto.

Tanto el como o avogado da Plataforma de vítimas do Alvia, Manuel Alonso Ferrezuelo, destacaron que a través das testemuñas constataron que non se achegara toda a documentación requirida. "As últimas persoas que declararon dixeron que aportaran a información, pero que esa información non está aquí", asegurou. 

Falta de documentación

O primeiro xuíz instrutor da causa, Luís Alaez, reclamara o historial de mantemento ao completo, mais este aínda non foi facilitado por Renfe. A maiores, Manuel Prieto destacou que os declarantes aludiron a unha revisión das rodas do tren, un informe que tamén "falta". "Non sabemos onde está ou por que non foi achegado", explicou, incidindo en que presentaron no xuízo "un papel" relacionado con esta cuestión e aceptado para estudar a súa incorporación á causa.

O avogado do maquinista engadiu que as testemuñas "recoñeceron" que "nada máis ocorrer o accidente" se accedera ao ordenador do tren "desde o taller de Fuencarral" e exixiu explicacións.

Prieto reclamou unha nova peritaxe do material rodante, mentres Ferrezuelo instou a seguir investigando a acusación do borrado de datos. Logo dos aprazamentos, está previsto que a instrución do caso se estenda máis aló do vindeiro mes de setembro.