Nova vía para ampliar a investigación polo accidente de Angrois

A plataforma Vítimas Alvia concéntrase hoxe no Congreso para reclamar unha xuntanza con Ábalos (Europa Press)
A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) vén de abrir a porta a "algunha actuación ou análise adicional ao informe" relativo ao accidente de Angrois. 

En resposta a unha pregunta escrita do deputado do Bloque Nacionalista Galego Néstor Rego, o organismo sinala que o Pleno está estudando "a posibilidade de realizar algunhas actuacións ou análises adicionais ao informe que, sen poñer en cuestión o realizado, afonden e ou aclaren as dúbidas que se suscitaran". 

No escrito de resposta, a CIAF considera tamén "correcto e independente" o informe elaborado para a análise do accidente ocorrido hai seis anos, e que deixou 80 persoas falecidas e máis de 140 feridas. 

Segundo se fai constar respecto da audiencia solicitada polas vítimas e as súas familias durante investigación, no caso de que se "decida reabrir" unha nova indagación técnica, "debe articularse a participación das vítimas e as súas familiares".  

Con esta nova información, o BNG entende que "é preciso realizar unha nova investigación realmente independente dado que no momento en que a CIAF a realizou, este organismo dependía do Ministerio de Fomento, que era tamén Administración investigada". Segundo estima, "hoxe existen novos elementos, que xa fan parte do proceso xudicial, especialmente a información sobre as ordes de borrado de datos sobre o estado do tren o día do accidente". Neste sentido, reclama que neste novo proceso sexan remudados os membros do órgano investigador. 

Para o BNG resulta necesario ademais que o Consello de Ministras aprobe un plan de acción "que dea resposta ao procedemento de infracción aberto hai un ano pola Comisión Europea –en resposta á denuncia da representante nacionalista Ana Miranda– por incumprimento da normativa europea de seguranza ferroviaria", e que debe ser dotado co correspondente orzamento para executalo. 

Esta resolución chega o día antes da concentración que a Plataforma Vítimas Alvia ten previsto desenvolver esta cuarta feira en Madrid, fronte ao Congreso das Deputadas, con motivo da comparecencia do ministro José Luis Ábalos na comisión de Transportes. Con ela quérelle exixir a reunión que "leva solicitando máis dun ano" sobre a creación dunha investigación técnica independente.