Especial do semanario 'Sermos Galiza'

Tecer a identidade galega: 100 anos do Día da Patria Galega

Detalle da ilustración do especial, obra de Alejandro Rozados.

Sermos Galiza lanza un número especial para conmemorar os 100 anos do Día da Patria Galega con contidos que viaxan desde os comezos desta celebración

O Sermos Galiza deste sábado 25 de xullo ofrece ás lectoras e aos lectores un número especial de 48 páxinas co ollar posto no Día da Patria Galega, un convite aberto e plural para tecermos a identidade galega de forma conxunta, desde as súas raíces até a actualidade, da man de especialistas en historia, música, etnografía, mitoloxía, feminismos e moito máis.

“Na fronte unha estrela, no bico un cantar”, eis a maxia que reúne ano tras ano a celebración do Día da Patria Galega, festexada desde que as Irmandades da Fala puxeron a primeira pedra. E é que foi en 1920 cando se celebrou por primeira vez o día da nación galega, unha convocatoria acordada durante a II asemblea nacionalista a fins de 1919 que rapidamente se consolidou. Este 2020 fanse 100 anos desa primeira xuntanza e Sermos Galiza recupera as orixes e os primeiros pasos desta data, non exenta de polémica, que fixo do 25 de xullo, o día de Santiago, a festividade que reivindica a Galiza. Este percurso será guiado polo historiador Xosé Ramón Ermida Meilán, quen nos mostrará como decorreu esa primeira celebración mediante testemuños da época e fotografías históricas. 

O escritor e experto en etnografía Antonio Reigosa debulla o imaxinario e a identidade popular da cultura galega, “a esencia que amalgama e pon criterio”. Desde o pensamento máxico, esa mestura do racional e imaxinario, do real e o sobrenatural que caracterizan os rituais, até as narrativas tradicionais sobre mouros, mouras, encantos, tesouros e seres máxicos, deuses... toda unha mitoloxía popular que non fai máis que enriquecer de forma transversal a cultura e identidades do pobo galego, desde a propia xeografía, a toponimia, até a figura da máxica santa compaña, da mitoloxía arredor da morte, dos agoiros... E tamén do marabilloso. E é que todo isto non é máis que a procura incansábel, o instinto que persegue o pobo porque “precisamos crer, imaxinar, soñar” lugares de encontro.

Unha conversa a fondo entre o profesor e historiador Xoán Carlos Garrido e o filósofo e escritor Manuel Cabada Castro engade máis atractivos ao Sermos Galiza especial Día da Patria Galega. O autor de A rapa das bestas de Sabucedo lembra en que momento tomou conciencia de ser galego, fóra do fogar e nunha época onde a identidade galega lle era negada, oculta e prohibida. Alén desta parte máis íntima do seu sentir, Manuel Cabada explica as pesquisas que o levaron a rastrexar a galeguidade de Cervantes, que denomina “humus galaico”, unha interesante reflexión sobre as chamadas “identidades colectivas”, unha tese mediante a cal Cabada atopa “pegadas” de “cultura” galega no Quixote de Cervantes. 

A xornalista e especialista en música Irene Pin mergúllase na identidade cultural a través desta disciplina que, como tantas outras manifestacións nas que a palabra non ten por que adoptar o rol central, esperta preguntas complexas e por veces mesmo controvertidas. Que factores nos levan a estabelecela? Que podemos chamar musica galega? É a lingua un elemento determinante? Que papel desenvolveu e cal aspiramos que xogue no futuro? Son estas interrogacións fluídas que flotan nun mundo de identidades líquidas, por veces case -cando menos, en teoría- evaporadas nas dinámicas do global ou nas hibridacións aceleradas, para as que a diversidade de respostas incita máis a reflexión que latexa no múltiple, para axudarnos a entender quen somos e por que, ou se cadra máis importante, cara a onde queremos encarreirar o mañá.

Pola súa banda, o profesor da USC Rubén C. Lois González pousa o ollar na demografía para reivindicar o estudo e coñecemento da poboación á hora de elaborar, entre outras cuestións, previsións arredor da dotación de servizos públicos. Mediante unha análise pausada Lois González explica cal é a situación actual da demografía na Galiza, achega un breve repaso histórico e explica por que é esta cuestión un problema a día de hoxe na sociedade galega, tremendamente avellentada e cunha densidade poboacional que decrece ano tras ano, cales son as causas e cal pode ser unha posíbel folla de ruta para reverter a situación actual con políticas demográficas reais.

Lupe Ces, mestra e activista social, ofrécenos un depoimento que se centra na situación do feminismo galego, desde os seus primeiros pasos até os que fican por dar. Ces dá conta de como o feminismo na Galiza foi agromando desde a cultura de base até as Universidades, de forma transversal, até lograr un movemento con características propias que aflorou nas mobilizacións que tomaron o país a principios de século ou das redes CIM que se espallan ao longo do territorio galego, e que se consolidaron nos últimos 8-M. A activista tamén se centra na importancia de aplicar políticas feministas. 

Alén desta achega especial co gallo dos 100 anos do Día da Patria Galega e, como en cada número, o semanario acolle as novidades máis destacadas do panorama cultural e publica as críticas literarias de Mario Regueira e Xulio Carballo, a música que nos trae Olga Brañas e Celia Eiras, un repaso polo mellor cinema da man de Andrés Castro, as curiosidades arredor do mundo do deseño da man de Pepe Barro mais a arquitectura de Lázaro Armental, mentres que o colectivo Xea continúa coa súa andaina pola costa galega, un traxecto que ocupa máis de 2.000 km con paraxes naturais e patrimoniais que fan do litoral galego un atractivo imperdíbel neste tempo de estío. Para pechar o número teremos os sempre interesantes pasatempos da man de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Todo isto e moito máis o sábado nos quiosques e na loxa, con Nós Diario, por tan só 3 euros.