100 anos de celebración do Día da Patria Galega: Unha viaxe ás orixes do día nacional da Galiza

Fotografía histórica dunha marcha do Día da Patria polas rúas de Compostela.

Sermos Galiza lanza un número especial para conmemorar os 100 anos do Día da Patria Galega con contidos que viaxan desde os comezos desta celebración. Reproducimos a seguir parte dunha das reportaxes incluídas nese número, que se publica este sábado, 25-X.

Sermos Galiza deste sábado 25 de xullo ofrece ás lectoras e aos lectores un número especial de 48 páxinas co ollar posto no Día da Patria Galega, un convite aberto e plural para tecermos a identidade galega de forma conxunta, desde as súas raíces até a actualidade, da man de especialistas en historia, música, etnografía, mitoloxía, feminismos e moito máis.

100 anos de celebración do Día da Patria Galega. Unha viaxe ás orixes do día nacional da Galiza é o título dunha das reportaxes que se publican neste Sermos Galiza. Da autoría do historiador Xosé R. Ermida, a seguir reproducimos unha parte:

“A celebración dunha xornada de festa e reivindicación nacional fixeron parte de vello da axenda dos nacionalistas galegos. Máis unha vez, a influencia dos cataláns, que viñeron celebrando o seu día nacional o 11 de setembro desde as décadas finais do século XIX, animou os adherentes das Irmandades da Fala a adoptar esta decisión, valorada a comezos do século XX polos membros da Liga Galega. As novas circunstancias organizativas do nacionalismo e a súa decisión de converterse nun movemento de masas rematarán por decantalos neste paso adiante.

Unha data con polémica

A decisión de conmemorar o 25 de xullo como Día da Patria Galega adoptouse na II asemblea nacionalista decorrida durante os días 7, 8 e 9 de novembro de 1919 en Compostela.

Os delegados das diferentes agrupacións das Irmandades da Fala, reunidos no inmóbel que actualmente ocupa o instituto compostelán Rosalía de Castro, aprobaron nas súas conclusións a celebración da "festa do emigrante, o día de Santiago" e instaron a súa organización e popularización pola militancia irmandiña.

A controversia sobre a data mantívose no tempo, apostando os nacionalistas de matriz máis laica en outras alternativas

Malia que a resolución aprobada no encontro non fixo referencia explícita á celebración do Día da Patria Galega, as posicións formuladas polos principais dirixentes da organización no debate non deixaron dúbidas das intencións reais.

A escolla do 25 de xullo como data da nosa festa nacional non estivo exenta de polémica, porén a escasa información sobre os debates da II asemblea nacionalista impídenos coñecer con exactitude o alcance da mesma.

O carácter confesional da data, asociada á figura do apóstolo Santiago, levou unha parte da militancia das Irmandades da Fala a discutir a súa oportunidade, até o punto de que o diario católico El Ideal Gallego, nun editorial publicado catro días despois do remate do plenario, felicitou os nacionalistas por optar polo 25 de xullo como "Día da Galiza".

A controversia sobre a data mantívose no tempo, apostando os nacionalistas de matriz máis laica en outras alternativas. Unha parte destes defenderon a celebración da festa nacional o 26 abril, data do aniversario do asasinato en Carral dalgúns dos dirixentes da revolución galega de 1846, na liña da proposta formulada polos membros da Liga Galega a finais do século XIX.

Pola súa banda, o nacionalismo da emigración, e moi particularmente aquel de posicións arredistas, festexou até finais dos anos 30, o 17 de decembro como o día nacional galego, por coincidir co aniversario da execución en Mondoñedo de Pardo de Cela polos Reis Católicos".