Imaxinario e identidade, unha das achegas do especial de Sermos Galiza 'Tecer a identidade galega'

Monte Pindo

O escritor e experto en etnografía Antonio Reigosa debulla o imaxinario e a identidade popular da cultura galega, “a esencia que amalgama e pon criterio”. Faino no número especial de Sermos Galiza para conmemorar os 100 anos do Día da Patria Galega que se publica este sábado, 25-X.

O Sermos Galiza deste sábado 25 de xullo ofrece ás lectoras e aos lectores un número especial de 48 páxinas co ollar posto no Día da Patria Galega, un convite aberto e plural para tecermos a identidade galega de forma conxunta, desde as súas raíces até a actualidade, da man de especialistas en historia, música, etnografía, mitoloxía, feminismos e moito máis.

Unha das achegas que se publican neste especial de Sermos Galiza é a do escritor e experto en etnografía Antonio Reigosa titulada ‘Imaxinario e identidade’ e da que a seguir reproducimos un extracto:

“Aínda que pareza un contrasentido, non resulta doado extraer aspectos identitarios específicos —pero ímolo intentar— da cultura popular galega porque o substrato é unha especie de magma compartido polas culturas populares do ancho mundo, que atende ás mesmas cuestións existenciais e que se resume nas respostas ás consabidas preguntas: de onde vimos, quen somos e a onde imos! Ou, se o prefiren, satisfacer a necesidade de saber que houbo antes de nós, que facemos aquí e, sobre todo, que virá despois!

O imaxinario é a esencia que amalgama e pon criterio, que harmoniza un complexo universo intanxíbel, que xera unha identidade intrínseca, perceptíbel na maneira colectiva de sermos quen somos, de recoñecérmonos nas expresións simbólicas que vertebran a nosa cultura. A creación-invención de imaxinarios é produto de fantasías individuais e colectivas acumuladas ao longo do tempo, transmitidas xeración tras xeración, que se manifestan a través de mitos, lendas ou contos, de ritos, crenzas e prácticas, de saberes e coñecementos que converxen nunha sorte de crisol que decanta, refina e depura permanentemente esa identidade como valor constante, a pesar de ser mutante, e compacto, ao tempo que tamén é profundamente fráxil.

Entran, obviamente, máis elementos en xogo como a aclimatación á contorna natural, a xeografía cultural, a intervención no espazo, humanizándoo cando non sacralizándoo, e as conseguintes consecuencias desas intervencións humanas.

A identidade inmaterial

Así como existe e se percibe unha identidade obxectiva que se manifesta no tanxíbel ou nas formas de organización social, territorial, administrativa, no patrimonio material ou na lingua, tamén existe unha identidade inmaterial que se expresa tacitamente no que e como facemos, dicimos ou pensamos colectivamente.

A identidade cultural tende á homoxeneización na súa natural multidiversidade. Somos os individuos os que desenvolvemos e manifestamos un sentimento de pertenza ao grupo aínda que non asumamos ou percibamos por igual todos os valores nin, necesariamente, teñamos que autoidentificarnos en oposición ou comparanza con outros grupos culturais pois, como xa queda dito, o imaxinario tende a dar resposta a dúbidas básicas e universais”