As Tanxugueiras recibiron 70,75% do televoto no Benidorm Fest, por 3,97% de Chanel

A proposta de Tanxugueiras foi a mellor valorada polo público do festival (Foto: Joaquín Reina / Europa Press).
As explicacións de RTVE sobre a votación durante o Benidorm Fest non fixeron máis que avivar unha polémica na que xa están involucrados eurofans, partidos políticos e sindicatos.

A directora de Comunicación e Participación de Radio Televisión Española (RTVE), María Eizaguirre, comentou nunha rolda de prensa na tarde da cuarta feira todos os detalles da votación da final do Benidorm Fest que tivo lugar o pasado sábado, e na que Chanel se impuxo ás Tanxugueiras.

 Os datos mostran que as galegas foron as principais gañadoras do televoto, recibibindo 70,75% do voto popular, case catro veces máis que a segunda nesta votación, Rigoberta Bandini, con 18,08% dos apoios. A gañadora do certame, Chanel, recibiu só 3,97% do televoto. 

Pese a esta gran diferenza de puntuacións, Tanxugueiras recibiu só 10 puntos máis que Chanel- 30 e 20 puntos respectivamente-. Isto debeuse a que as puntuacións non se entregaban de maneira proporcional, senón que o comité organizador do Benidorm Fest estabeleceu unhas puntuacións determinadas en función da posición de cada cantante.

No voto demoscópico, a diferenza de porcentaxes non foi tan acentuada. As Tanxugueiras recibiron 14,59% dos votos, mentres que a proposta de Chanel quedou en segundo lugar con 13,88%. O podio completouno Rigoberta Bandini, que obtivo 13,52% dos votos.

Votación do xurado profesional

Eizaguirre tamén mostrou as votacións desagregadas de cada membro do xurado, aínda que sen desvelar que votación corresponde a cada xurado. No caso das Tanxugueiras, recibiron un 10, dous 7 un 4 e un 2, a puntuación máis baixa que podía asignar o xurado.

No caso de Chanel, a gañadora do Benidorm Fest recibiu tres 12, un 7 e un 8. 'Ay Mamá', de Rigoberta Bandini, conseguiu un 12, dous 10, un 8 e un 6. Finalmente, o último 12 foi para 'Secreto de agua', de Blanca Paloma.

A directora de Comunicación e Participación de RTVE sinalou que o ente público tomou a decisión de expor os resultados das diferentes votacións despois de que o xurado "recibise ameazas de morte".

Indignación nas redes sociais

Lonxe de resolver a polémica dos últimos días, as explicacións de RTVE non fixeron máis que espertar unha oleada de indignación nas redes sociais. Tanto os seareiros das Tanxugueiras e de Rigoberta Bandini como moitos eurofans "obxectivos" criticaron o sistema de votación do Benidorm Fest.

Para os usuarios das redes sociais, é "inentendíbel" que a votación popular valera só 25%, mentres que a do xurado profesional foi de 50%. Máis cando a diferenza de porcentaxes entre as Tanxugueiras e Chanel foi de 65 puntos.

Tampouco comparten o feito de que RTVE asignase os votos por posición e non de forma proporcional. Tendo en conta que a votación popular repartiu 135 votos en total entre os oito finalistas, se o criterio de reparto de votos tivese sido proporcional, as Tanxugueiras terían recibido 96 puntos, polos 5 de Chanel.