Advirten do interese das grandes discográficas no festival de Eurovisión

"Non é tongo, é negocio", sinala o experto Josep Silva

A polémica pola actuación do xurado no Benidorm Fest continúa aberta. Mentres persisten as queixas polo veredicto final dos xuíces, aparecen novos datos sobre a influencia da grande industria musical no resultado. Neste contexto, explícanse algúns dos apoios da organización do festival á gañadora do certame, a cantante cubano-catalá Chanel Terrero.

 

 

A artista Chanel, gañadora do Benidorm Fest (Foto: Joaquín Reina / Europa Press)
photo_camera A artista Chanel, gañadora do Benidorm Fest (Foto: Joaquín Reina / Europa Press)

“Quen hai detrás de Chanel?. Pois un produtor estadounidense de Chicago que traballou con Madonna, Black Eyed Peas ou Britney Spears. Tamén Leroy Sánchez que compuxo Voy a quedarme, canción que representou España en Eurovisión con Blas Cantó e Maggie Szabo, unha cantante e compositora canadense de soul e pop”. Quen así fala é Josep Manuel Silva, un avogado catalán, representante de diversos grupos musicais e durante moitos anos membro do consello de administración da Corporación de Radio Televisión Española (RTVE).

“Os que gañan diñeiro de verdade en Eurovisión son os autores das cancións, en dereitos de autor”, continúa Silva nas súas redes sociais. “Por iso non foron nin Rigo [Rigoberta Bandini] nin as galegas [Tanxugueiras], autoras das súas cancións. O importante non é gañar senón xerar dereitos para os autores”, sinala.

Silva non dubidou en afirmar na canle televisa catalá TV8 que “o gran negocio de Eurovisión está no que fan as televisións cos dereitos de autor. Se es un artista independente e fas a túa propia canción, como é o caso de Rigoberta Bandini ou de Tanxugueiras, todos os beneficios recaerían nelas e non en RTVE nin as discográficas”.

O especialista no negocio musical e televisivo non se amosa sorprendido da vitoria dunha cantante descoñecida para o gran público até a súa aparición, o 26 de xaneiro, nas semifinais do Benidorm Fest.

Nesta liña, apunta que o éxito de Chanel non sería posíbel sen o apoio do conglomerado mercantil que ten detrás e a certeza por parte da industria do seu éxito na final do festival para recuperar o investimento.

Posibilidades de gañar

Silva teno claro e afirma que “un proxecto así non se presenta se non se sabe que ten 99% de posibilidades de gañar. Non é un 'tongo', nin unha estafa. É negocio”. Nese sentido, remarca que “a xente ten que entender que isto é un gran negocio para os autores e as discográficas. Cando a canción soa en televisión ou radio xera diñeiro en dereitos”.

“Probabelmente sexa produto dun pacto. Á RTVE interésalle que vaia alguén cun equipo detrás. Pero son acordos que van máis alá”, continúa Silva en relación co trunfo de Chanel, significando que “as discográficas teñen representación, booking e RTVE traballa con elas. Estou seguro de que, tal e como foi a cousa, nas altas instancias desexaban que gañase Rigoberta ou Tanxugueiras pero RTVE tíñao moi blindado desde o punto de vista comercial”.

Chanel Terrero está auspiciada pola discográfica BMG, propiedade do grupo alemán Bertelsmann, unha das maiores empresas de medios de comunicación do mundo, dono, entre outros de Penguin Random House, o segundo grupo editorial do Estado español após Planeta.

Comentarios