O Supremo confirma a anulación de dous proxectos de parques eólicos en funcionamento desde 2019 en Mondoñedo

Parque eólico en Muras. (Foto: Santi Villamarín)
O Tribunal Supremo ditou dúas sentenzas que confirman a anulación dos proxectos que serviron de base para a posta en funcionamento dos parques eólicos no concello de Mondoñedo.

O Tribunal Supremo ditou dúas sentenzas que confirman a anulación dos proxectos que serviron de base para a posta en funcionamento dos parques eólicos Sasdónigas fase I e fase II, no concello de Mondoñedo.

O alto tribunal rexeitou os argumentos da empresa e considerou que a Xunta debía ter en conta o contido da 'Declaración de Impacto Ambiental' (DIA).

Así, o Supremo ratifica as sentenzas xa ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que considerara que a división do parque en dúas fases era "artificial" xa que no "Parque Eólico Sasdónigas Fase II" deberíase realizar a Declaración de Impacto Ambiental incluíndo a Fase I, posto que a fase II "carece dos elementos e equipamentos necesarios para ser considerada unha instalación independente da propia Fase I".

Non se valoraron "elementos de especial protección"

Ao dividir o proxecto, o Supremo considera que "tampouco se tiveron en conta os efectos acumulativos de senllas fases do parque eólico en conxunto, o que comporta a nulidade da Declaración de Impacto Ambiental". En todo caso, o alto tribunal tamén remarca que a  DIA "non valorou de forma correcta elementos de especial protección, tales como o Camiño de Santiago, un xacemento arqueolóxico e dúas lagoas".

Séntase xurisprudencia

Os demandantes iniciais estiman que "con estas dúas sentenzas o Tribunal Supremo senta xurisprudencia e obriga os poderes públicos a observaren con maior exixencia e pulcritude a xestión da análise de riscos ambientais acumulados que afectan o territorio sobre o que se asentan este tipo de instalacións".

Ademais, nun comunicado, engaden que "non é admisíbel que a avaliación ambiental admita como posíbel un uso que conculque abertamente a Lei de Patrimonio Cultural da Galiza e a protección propia do Camiño de Santiago".