O Tribunal Supremo confirma a anulación do ERE de Alcoa en San Cibrao

Coa súa decisión, o TS desestima o recurso de casación interposto polo Grupo Alcoa Inespal.
Os traballadores de Alcoa en San Cibrao din que continuarán coas protestas até que o Ministerio de Industria explique os seus plans (Foto: Arxina/Europa Press).
photo_camera Os traballadores de Alcoa en San Cibrao din que continuarán coas protestas até que o Ministerio de Industria explique os seus plans (Foto: Arxina / Europa Press).

O Tribunal Supremo confirmou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que anulou o expediente de regulación de emprego (ERE) que Alcoa pretendía executar na planta de San Cibrao, en Cervo.

Os maxistrados da sala do Social do Supremo reuníronse o pasado día 20 para deliberar sobre o recurso que interpuxo a multinacional contra a anulación do ERE, que afectaba a máis de 500 traballadores e traballadoras.

Coa súa decisión, desestiman o recurso de  casación interposto polo Grupo Alcoa  Inespal. No seu día, o TSXG decretou nulo o ERE de Alcoa ao apreciar "mala fe" nas negociacións por parte da empresa, cuxo "fin único e primordial" era "apagar as cubas e pechar a fábrica da maneira máis rendíbel posíbel".

A presenza da multinacional nos xulgados non foi menor nos últimos anos. Desde que adquirira a empresa pública Inespal en 1997, con plantas industriais en varios lugares do Estado español, o proceso de venda das fábricas foi intenso até quedar en 2018 coa factoría de San Cibrao e as de Avilés e A Coruña. 

"Agora só queda saber que vai facer o Goberno. Dunha vez por todas vai tomar cartas no asunto e defender os traballadores ou vai seguir mirando para outro lado mentres Alcoa segue actuando de mala fe un día tras outro?", sinala o comité de empresa

Agora só queda saber que vai facer o Goberno

"Agora só queda saber que vai facer o Goberno. Dunha vez por todas vai tomar cartas no asunto e defender os dereitos laborais de todos os traballadores ou vai seguir mirando para outro lado mentres Alcoa segue actuando de mala fe un día tras outro? Alcoa ten que saír deste país e a única forma que hai chámase  SEPI", aseverou o presidente do comité de empresa, José Antonio  Zan.

Neste sentido, valorou que quen tiña razón eran os traballadores "e non a empresa, que quixo aplicar un despedimento inxusto". "Só a posición de toda unha comarca e dos traballadores, que sempre creron que a solución era seguir producindo, foi a que conseguiu que o Supremo ratifique que foi unha auténtica vergoña todo o que pasou", concluíu.

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, mostrou a súa "satisfacción" tras coñecer o fallo do Tribunal Supremo: "É un éxito sen precedentes tanto dos traballadores de Alcoa como da Xunta e o Goberno estal, que velamos polo mantemento das capacidades produtivas da planta. Agora toca mover ficha a Alcoa. Nós seguimos coa man tendida á empresa para colaborar na procura de posibles investidores”.

A CIG emitiu un comunicado ao se coñecer a sentenza na que indica que o  Supremo "desmonta todos argumentos de Alcoa e confirma a  nulidade do ERE". A central nacionalista reclama á empresa que facilite unha solución de futuro e aos Gobernos que poñan en marcha xa a intervención pública.

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, hoxe "vólvese confirmar xudicialmente a razón que asiste aos traballadores e ás traballadoras na súa loita contra os despedimentos e o peche da fábrica de aluminio. Alcoa debe tomar nota, dar un paso atrás e permitir unha solución que garanta a continuidade produtiva e de todos empregos".

UXT, pola súa banda, insiste en que, ante esta sentenza, "que supón unha vitoria para os traballadores e traballadoras de Alcoa pola súa loita e constancia neste longo conflito", non queda outra saída que, entre todas as partes seguir traballando polo futuro para a factoría da Mariña e o mantemento dos postos de traballo.

Mentres, desde CCOO saliéntase a importancia da unidade sindical, das traballadoras e dos traballadores, así como "a posición de toda unha comarca" en defensa dun proxecto industrial.

Comentarios