A Xunta segue a derivar labores de persoal funcionario a Tragsatec malia a sentenza do TSXG

A CIG levará á Xustiza a externalización de trámites administrativos públicos a Tragsatec. Denuncian a gravidade de que unha empresa leve trámites de forte impacto como minarías extractivas e proxectos eólicos.
Vertedura na mina de Touro nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vertedura na mina de Touro nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

O pasado 31 de xaneiro saían publicadas diversas resolucións de encomenda a Tragsatec de traballos de xestión e control de varias áreas de traballo de persoal empregado público da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para 2022.

Segundo a CIG-Administración Autonómica a filial de Tragsa suma, con estas encomendas, só no ano 2022, cinco millóns de euros adxudicados para realizar traballos de control e xestión ambiental. 

Denuncian que a Consellaría continua a externalizar funcións de persoal público cando o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), após a denuncia da CIG, anulou as encomendas de control de patrimonio arqueolóxico a esta mesma empresa. 

Tamén cuestionan que unha empresa realice os trámites para instalacións de alto impacto como son parques eólicos ou minaría extractiva.

Segundo explica a responsábel nacional do sector na CIG, Zeltia Burgos, “as encomendas de Medio Ambiente son diversas e afectan a varios servizos da Consellaría”.

Así, Tracsatec está a realizar desde traballos auxiliares de impacto e avaliación até actividades de control,  que son “competencias claras do persoal funcionario público”, subliña. 

Xunto a isto, Burgos apunta que tamén están a tramitar axudas e autorizacións de instalacións que despois pasan a autorización coa sinatura de funcionarios públicos. “Crease así unha clara inseguridade xurídica ao persoal funcionario que ten que asinar un traballo do que non fixo o seguimento, ademais de extraer da rede da Xunta expedientes e información sensíbel”, afirma.

Esta externalización “a contagotas” supón “a privatización dos servizos públicos da Xunta da Galiza conformando unha administración paralela” e "xa está a estudo na CIG para a demanda xudicial", sinalou.

Sentenza do TSXG pola externalización de servizos en Patrimonio

Hai practicamente un ano a CIG presentaba un recurso o TSXG contra a Consellaría de Cultura por realizar reiteradas encomendas de xestión que ascenden a 1.685.904 euros desde 2018.

O TSXG concluiu no mes de xaneiro de 2022 que non se pode delegar en Tragsatec a realización dos informes para autorizar obras, pois desmente que sexa certo que a Administración non conte "con medios propios suficientes", pois a lista de substitución de profesionais da arqueoloxía "estaba conformada en febreiro de 2021 por 132 aspirantes".

Comentarios