O Suído ergue un festival contra a invasión eólica dunha paraxe “única”

(Foto: @veraeikon3)

O Festival do Suído reuniu poesía, música, convivio na natureza e palestras nun acto de “defensa da Terra e da vida”.

A serra do Suído é un espazo privilexiado desde moitas perspectivas, desde a biodiversidade que acolle, desde o patrimonio que alberga ou desde o seu acervo histórico, entre outras. Mais tamén é un espazo privilexiado en recursos e vento, o que fai que sobre estas paraxes pairen as ameazas das minas e dos proxectos eólicos.

Para defender o territorio ante estes proxectos de depredación”, na parroquia da Laxe, en Fornelo de Montes, acolleu este sábado o I Festival do Suído, que reuniu poetas, músicos, veciñanza e persoas procedentes de diferentes comarcas do país, todos co obxectivo de “loitar pola vida”, como recollía a faixa despregada pola plataforma Sur da Dorsal Galega, organizadora deste encontro.

Nace o I Festival do Suído co obxectivo de se consolidar como "un acontecemento cultural e de defensa da terra" que convida a "protexer a serra e prever das consecuencias da depredación", entre outras cousas, pola "ameaza" eólica. Será unha xornada que promete "gozar" do monte, da música e da poesía.

O programa deste primeira edición contemplaba que a mesma principiaría na xornada da mañá cun roteiro para dar a coñecer os valores naturais, patrimoniais e económicos da serra do Suído.

Os festexos incluíron un xantar comunitario, un coloquio sobre a riqueza natural e patrimonial do Suído, e o programa artístico.

#SonSuído

Manuel Rivas, Xurxo Souto, Caruncho, Uxía, Antón Lopo, Ramón Rozas ou o músico Jásper son algunhas das persoas que están a participan na campaña #SonSuído que se desenvolve nas redes sociais co obxectivo de "defender o monte" fronte a depredación eólica. Segundo a plataforma, dez parques eólicos "ameazan" a serra, "un golpe mortal" para o entorno.

De maneira especial, o parque eólico Carballoso, que se instalaría entre A Lama, Fornelos e Avión (onde coinciden as comarcas de Pontevedra, Vigo e Avión, respectivamente) e que prevé estar composto por dez aeroxeradores de gran dimensión. O proxecto, de 51 MW, conta co visto e prace do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).

Xunto con Carballoso, están previstos nove parques eólicos máis ao longo de toda a dorsal, que suporían a instalación de case 200 turbinas, convertendo un “espazo natural único” nun polígono industrial.

Sur da Dorsal Galega advirte de que a instalación destes parques eólicos afectaría especies animais vulnerábeis, turbeiras e brañas, que son elementos de especial protección, así como a áreas de grande interese paisaxístico recoñecidas oficialmente.