Defensa do monte con poesía e música: Nace o Festival do Suído

Carme Carreiro, Xavier Oitavén e José de la Riera, representantes da Plataforma Sur da Dorsal Galega, presentaron esta sexta feira en Fornelos de Montes o programa do festival que se prolongará ao longo de todo o día 15 de abril.
Xavier Oitavén, Carme Carreiro e José de la Riera na presentación do Festival do Suído (Foto: Plataforma Sur Da Dorsal Galega)
photo_camera Xavier Oitavén, Carme Carreiro e José de la Riera na presentación do Festival do Suído (Foto: Plataforma Sur Da Dorsal Galega)

Música, poesía, un roteiro e un coloquio son algúns dos ingredientes do I Festival do Suído que terá lugar ao longo do día 15 de abril na Laxe, Fornelos de Montes. A Plataforma Sur da Dorsal Galega promove esta iniciativa que ten como obxectivos dar a coñecer os valores naturais e culturais do Suído e “mostrar a oposición a instalación do megapolígono eólico Carballoso que está previsto instalar nesta serra de extraordinaria riqueza paisaxística, arquitectónica e ecolóxica”.

Carme Carreiro, Xavier Oitavén e José de la Riera, representantes da Plataforma, presentaron esta sexta feira en Fornelos de Montes o programa do festival que se prolongará ao longo de todo o día e incluirá actuacións artísticas e un achegamento aos valores do Suído cun roteiro guiado por especialistas e un coloquio posterior.

O programa iniciarase ás 11 horas co roteiro que incluirá no seu percorrido elementos característicos do Suído, desde construcións en pedra seca até elementos naturais de especial valor, conducido por persoas que coñecen ben o territorio. A seguir, iniciarase o programa artístico na sesión vermú, coa participación de poetas como Silvia Penas, Miriam Ferradáns, Anxo Angueira e Ana Fernández.

A música correrá a cargo de Su Garrido, Tino Baz, Antilia e Tonhito de Poi e o coloquio incluirá a participación de especialistas na riqueza natural e patrimonial do Suído como son Xosé Lois Vilar, Xosé Prendes, Xulio Eiroa e Adela Figueiroa.

Riqueza do Suído

"Con este programa queremos dar a coñecer a riqueza do Suído e, para iso, consideramos que a música e a poesía son unha boa ferramenta, en especial, da man de persoas que están comprometidas tamén cos nosos obxectivos de defensa da terra fronte esa ameaza que temos sobre as nosas cabezas que é o parque Carballoso", sinala Carme Carreiro que destaca a xenerosidade de todas as persoas que participan no festival, tanto na parte artística como na organizativa.

Ademais, no festival haberá varios postos de comida,que inclúen, entre outros,  polbo e hamburguesas de carne do Suído e as persoas asistentes poderán levar a súa comida para permanecer durante todo o día ná área recreativa en que se desenvolverá boa parte do programa.

Un monte único

O encontro desenvolverase na área Recreativa da Airoa, na parroquia da Laxe, concello de Fornelos de Montes, un dos enclaves de entrada da Serra do Suído, paraíso natural -que é o lema da parroquia- e territorio que suma valores de especial interese, desde os foxos do lobo ou os chozos construídos en pedra seca -unha técnica arquitectónica declarada Patrimonio Universal pola Unesco cunha pegada intensa neste monte-, pasando polas especies de fauna en perigo de desaparición até as turbeiras, verdadeiros depósitos de auga dun territorio que presume de dar de beber a Vigo, pondo en valor tamén ese ben tan preciado do que o Suído é xeneroso: a auga.

"Quixemos facer un festival singular como único é o monte Suído", sinala Xavier Oitavén, integrante tamén da plataforma que confía que con esta iniciativa "podamos dar a coñecer os valores que explican a nosa oposición á invasión eólica, mostrar a riqueza deste monte que dá auga a Vigo, un patrimonio único e pouco coñecido que temos que defender porque está en xogo o futuro dun ben preciado para esta terra, un monte que é a nosa riqueza e tamén a nosa memoria". 

Para o investigador José de la Riera, a  "Serra do Suído, o  noso "Pirineo Atlántico", cun patrimonio material e inmaterial único e tan importante como a maior das catedrais. Un legado da historia que é responsabilidade e obriga pasar a futuras xeracións. Un  agasallo dos nosos devanceiros  que non está en venda, nin en mercado algún, é patrimonio común do pobo galego"

A serra

A Serra do Suído conta cuha extensións dunhas 25.000 hectáreas que comparten os concellos da Lama, Covelo e Fornelos de Montes, Avión e Beariz.

Mámoas e petróglifos que nos falan da historia deste territorio peneiran todo o monte en que, posteriormente, se foron construíndo elementos relacionados coa produción gandeira como son os chozos, cortellos, os foxos do lobo ou os sequeiros.

A serra asiste ao nacemento dos ríos Verdugo, Oitavén, Tea e Navia e nos seus cursos prodúcense unha importante colección de fervenzas como a tan recoñecida de Casariños, na Laxe, ao pé de onde se vai desenvolver o festival.

Comentarios