O Goberno galego aproba a construción do parque eólico Uxo, entre as serras do Cando e O Suído

O proxecto de Naturgy prevé a instalación de seis muíños no termo municipal de Avión, que contará cun total de 83 aeroxeradores repartidos en catro parques, aos que poderían sumarse outros dous que actualmente están en fase de tramitación.
Naturgy instalará outros seis aeroxeradores en Avión. (Foto: Nós Diario)

#eólicos #eólico #parque_eólico #eólica
photo_camera Naturgy instalará outros seis aeroxeradores en Avión. (Foto: Nós Diario)

No que vai de ano a Consellaría de Medio Ambiente deu luz verde a unha trintena de proxectos eólicos por medio de senllas declaracións de impacto ambiental (DIA). O primeiro dos expedientes resolveuse o pasado 3 de maio e tiña a ver co parque denominado Uxo, promovido por Naturgy no municipio de Avión. Agora o Goberno galego vén de outorgarlle o 'si' case definitivo.

Nunha resolución datada do 14 de novembro e publicada esta cuarta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG), a dirección xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais acorda concederlle a autorización administrativa previa e de construción. Contra esta medida cabe interpor recurso de alzada no prazo dun mes.

O parque eólico Uxo, para cuxa execución Naturgy prevé un investimento superior aos 21,1 millóns de euros, contaría con seis aeroxeradores de até 154 metros de altura de buxa e unha potencia nominal unitaria de 3,5 megawatts (MW), polo que a potencia total instalada ascendería a 21 MW.

Este novo parque de Naturgy eleva a 83 os muíños en Avión, cunha potencia total de 121,1 MW

No caso de recibir a definitiva aprobación por parte da Administración galega, Uxo sería o cuarto parque eólico presente no termo municipal de Avión. Durante o Goberno de Manuel Fraga autorizouse neste mesmo concello a actividade dos proxectos Fonteavia —38 turbinas eólicas e 49,4 MW—, Tea —37 turbinas e 48,1 MW— e o homónimo Avión —dúas e 2,6 MW—.

Aliás, actualmente atópanse en fase de tramitación a través da Xunta da Galiza outros dous proxectos que afectarían directamente esta localidade. Son os parques Puza, de doce aeroxeradores —seis en Avión e seis na Lama— e unha potencia total instalada de 48 MW, e Laxabranca, con tres muíños —dous en Avión e outro na Lama— e 18 MW.

Afeccións ao medio

Diversos colectivos ecoloxistas como a asociación Petón do Lobo manifestaran previamente a súa oposición á construción deste parque eólico, ao entender que podería ocasionar severas afeccións ao medio natural pola súa proximidade ao lugar de interese comunitario (LIC) da Serra do Cando, incluído na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 na Galiza e a uns seis quilómetros do emprazamento desta infraestrutura.

Máis próximo aínda fica a área de especial interese paisaxístico (AEIP) da Serra do Suído, localizada só a 400 metros ao leste dos aeroxeradores de Uxo, "adentrándose a poligonal do parque nunha pequena parte desta área", tal e como se recolle na propia DIA. Este espazo, asegura o mesmo documento aprobado por Medio Ambiente, "non se verá afectado nin polas infraestruturas do parque nin polas accións necesarias para a súa construción".

O impacto visual, con todo, será "alto" tanto desde a AEIP do Suído, en especial no sector nordés desta área, e tamén desde varios núcleos de poboación próximos aos aeroxeradores —entre 700 metros e 1,5 km—, como A Hedreira, Vilariño, Espiñeiro, Mouriscados ou Abelenda. As medidas de integración paisaxística propostas por Naturgy no marco deste proxecto, sostén a DIA, son "axeitadas para reducir ou mitigar" as súas afeccións.

Por outra parte, a declaración de impacto ambiental recoñece tamén a presenza nos terreos que ocupará o parque eólico Uxo de sete especies incluídas no CGEA como "vulnerábeis", dúas aves rapacesCircus cyaneus e Circus pygargus— e cinco anfibiosRana iberica, Rana temporaria, Chioglossa lusitanica, Hyla arborea e Pelobates cultripes—.

Comentarios