Novo despexo en Vigo perante a falta de vivendas sociais

Panorámica da cidade [Imaxe Concello de Vigo]

Unha familia de Lavadores ficará sen morada nas vindeiras semanas.

Viven con pouco máis de 500 euros ao mes que proceden dunha axuda familiar e unha pensión de manutención o que lles fai imposíbel facer fronte ao pagamento do aluguer (325 euros) e aos custes diarios de catro persoas. Adebedan 6 meses e as persoas propietarias da vivenda acudiron finalmente ao xulgado. 

Esta familia de Lavadores, en Vigo, formada pola nai e tres crianzas de 19, 15 e 6 anos está a piques de ser despexada sen que exista unha alternativa habitacional por parte das administracións públicas. 

A familia vive con apenas 551 euros ao mes e paga 325 de aluguer, adebeda 6 meses

Nen a Xunta de Galiza nen o Concello de Vigo din contar con vivendas públicas coas que garantir que esta familia non fique na rúa. Dunha banda o goberno galego afirma que coas dúas últimas moradas concedidas a unha familia do Calvario e outra de Teis o Instituto de Vivenda e Solo non conta con máis pisos. Entretando, o executivo local, liderado por Abel Caballero (PSOE) continúa adiante coa venda de 15 vivendas da súa propiedade localizadas na rúa Rosalía de Castro con cuxos beneficios, di, construirá a Cidade da Xustiza, agora proxectada no antigo Hospital Xeral. 

O Concello de Vigo está a vender vivendas da súa propiedade para financiar a Cidade da Xustiza

Desde PAH-Vigo, a Rede Solidaria Popular e colectivo Os Ninguéns reclaman ao concello que non venda as vivendas e cree con elas un parque público para emerxencias como a que atinxe a familia de Lavadores ou Eugenia Alonso, desafiuzada o 10 de febreiro e en listaxe de agarda para acceder a unha vivenda protexida desde 2010. Porén, o PSOE bota balóns fóra e di que se trata dunha competencia da Xunta garantir que a familia non quede na rúa. 

Neste senso, o goberno galego proxecta a construción, que xa foi licitada, de 74 vivendas sociais en Lavadores, porén, estas tardarán cando menos catro anos en estar disponíbeis.