Soutomaior presenta un modelo de xestión do lixo "vangardista e sostíbel"
A veciñanza do municipio de Soutomaior (comarca de Vigo) coñecerá esta sexta feira polo miúdo o novo modelo de residuos que o Goberno municipal deseñou practicamente desde o inicio do seu mandato co nome de 'Conscientes, medra en verde'. O acto decorrerá no Multiusos de Arcade e nel participarán o alcalde, Manuel Lourenzo; a técnica de Medio Ambiente en Soutomaior, Sara Teijeira; o xerente de Urbaser, Gustavo Villasuso, e o director executivo da empresa de comunicación Sihaho, Manuel Pan.
"Soutomaior é un municipio referente na defensa do medio ambiente e no ecoloxismo polo que, após meses de estudos e traballos, asentamos un proxecto baseado en tres piares fundamentais: o modelo urbano, o saneamento da ría e a xestión do lixo", explica a Nós Diario o alcalde. Sobre o modelo urbano, Lourenzo lembra que "despois de trinta anos de gobernos do PP, Soutomaior quedou absolutamente obsoleto, agresivo cos peóns e marcado polo caos de tráfico, pola contaminación e polo ruído". Neste sentido, apunta aos traballos que se realizaron agora no Camiño de Santiago e no núcleo urbano, entre outros. "Queremos pór as persoas no centro, que a contorna sexa agradábel e tamén respectuosa", engade.
En relación ao saneamento da ría, o alcalde indica que levan "traballando sen descanso para que a nova Estación Depuradora de Auga Residual (EDAR) que se faga no noso concello sexa unha realidade canto antes". Sobre este tema considera que "hai décadas de atraso e de incumprimentos por parte da Xunta da Galiza e nós agora xa facilitamos os terreos e o informe de impacto ambiental".
Xestión do lixo
O terceiro piar, o modelo de xestión do lixo, será o que centre a presentación desta sexta feira en Arcade. "Levamos máis dun ano traballando na normativa, na contratación e na avaliación das necesidades", aclara Lourenzo. A base do novo modelo, asegura, "pasará de non ter ningún tipo de sensibilidade co medio natural a outro que agardamos que sexa vangarda no país por estar baseado na reciclaxe e na sostibilidade".
Para levar adiante este "ambicioso" proxecto, o Goberno municipal "conta coa implicación da veciñanza", comezando pola introdución dun colector marrón "dixitalizado" na zona urbana para recoller os residuos orgánicos. "Vainos permitir facer un seguimento maior para despois pasar a distribuílo nun reparto masivo de composteiros, na parte rural", sinala. A idea é "sacar a maior parte de residuos orgánicos e, neste sentido, somos ambiciosos cos datos que manexamos".
O novo modelo de xestión traerá consigo a renovación de todos os colectores do municipio, a implantación de novas illas de reciclaxe, o incremento dos días de recollida e o reforzo de recollida fracción resto. Ademais, entre as novidades, está un servizo de punto limpo na nave de Urbaser (onde a veciñanza poderá levar os voluminosos), a recollida a domicilio de restos de poda e un servizo de atención telefónica presencial, así como unha oficina de atención no núcleo urbano.
"Temos unha visión global de respecto polo medio ambiente, o ecoloxismo está de maneira transversal na nosa maneira de gobernar, na nosa maneira de entender o que debe ser o Soutomaior do futuro e este modelo consciente resume perfectamente a nosa filosofía", conclúe Manuel Lourenzo.

