Soutomaior acolle un acto pola causa palestina con Mohamed Safa
O Multiusos de Arcade, en Soutomaior (comarca de Vigo), acolleu esta sexta feira o acto "Palestina: desmontando Israel", unha conversa aberta coa participación de Mohamed Safa, médico e escritor palestino. O encontro contou coa presentación do alcalde, Manuel Lourenzo, e estivo conducido por Beatriz Carrasco, integrante de BDS Galiza.
Safa achegou ao público unha análise sobre a situación actual en Palestina, marcada pola ofensiva militar de Israel en Gaza e polo que a ONU xa cualifica de xenocidio.
O acto, organizado polo propio Concello de Soutomaior, tivo unha ampla asistencia de público.
A xornada completouse coa actuación musical de Antón Ke, que puxo banda sonora a un encontro no que se mesturaron denuncia, solidariedade e cultura. A cita en Soutomaior sumouse así á rede de mobilizacións que en todo o país reclaman pasos firmes e coherentes para garantir os dereitos do pobo palestino.
