SOS Sanidade rexeita suprimir a dedicación exclusiva dos médicos

A falla de profesionais provoca as listas de agarda en Atención Primaria (Foto: Europa Press).
A plataforma advirte dun aumento das listas de agarda.

SOS Sanidade Pública vén de criticar a decisión da Xunta da Galiza de suprimir a dedicación exclusiva obrigatoria para o persoal médico. A plataforma entende que o acordo favorece a privatización da sanidade e ve detrás da proposta a patronal da sanidade privada.

A plataforma SOS Sanidade Pública considera que esta medida do Servizo Galego de Saúde (Sergas) está destinada a proporcionar aos centros médicos integrados "na Asociación de Hospitais da Galiza (Ahosgal) os 120 facultativos que necesitaba, nun momento de falta de médicos nos hospitais públicos, de aumento das listas de agarda e de pacientes derivados pola sanidade pública á privada”.

A entidade explica que “a patronal dos hospitais concertados mostrou a súa satisfacción con esta medida” e lembra que “casualmente a xerente do Segas é irmá do recentemente nomeado xerente de Ahosgal, o que supón un flagrante conflito de intereses que explicaría a decisión”. Precisamente, este vínculo foi desvelado en exclusiva por Nós Diario a pasada semana.

"Novo paso na privatización"

A plataforma en defensa da sanidade pública analiza que “esta medida supón un novo paso na privatización da sanidade galega”. Nesta liña, advirten que “para evitar a Lei de incompatibilidades, que prohibe a quen traballa para a Administración pública recibir dous soldos do sistema público, a Xunta do PP cambiou o sistema de concertos, indicando que ningún médico poderá intervir nun proceso concertado pero si no resto de actividades do hospital privado”.

SOS Sanidade Pública entende que “a desaparición da dedicación exclusiva prexudica a poboación, aumenta as listas de agarda para derivar pacientes a hospitais concertados, incrementa os beneficios empresariais  e contribúe a desmantelar os hospitais públicos e tende á privatización sanitaria”.

A coordinadora considera que “está amplamente documentado que a dedicación público-privada vai asociada a un maior absentismo laboral, evasión de tarefas, derivación de pacientes a centros concertados, demanda inducida e selección das e dos pacientes máis rendíbeis ou un uso indebido dos recursos públicos para fins privados”.