SOS Sanidade mobilizarase para exixir a aprobación da ILP pola Primaria

12-F: Manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela. (Foto: Arxina)
SOS Sanidade Pública xa prepara novas mobilizacións após a maciza manifestación en defensa da Atención Primaria  desenvolta o domingo en Santiago de Compostela. A marcha, a máis numerosa realizada na Galiza após a organizada pola plataforma Nunca Máis o 2 de decembro de 2002, viña precedida de numerosas protestas no ámbito local que as autoridades galegas non atenderon e evidenciou o malestar social polo funcionamento do sistema sanitario galego.

A próxima proba de lume para a plataforma SOS Sanidade Pública e o Partido Popular será o debate da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de SOS no Parlamento da Galiza. A falta de coñecer con exactitude a data prevista para a súa votación, que as fontes consultadas por Nós Diario sitúan a finais de marzo, as semanas previas os populares deberán facer fronte aos problemas abertos en diversos centros de saúde, algúns deles en concellos onde os populares pelexan polo Goberno.

Precisamente, a vindeira mobilización nacional en defensa da sanidade pública coincidirá coa discusión na Cámara galega desa ILP a prol da Atención Primaria. Segundo puido saber Nós Diario, SOS Sanidade Pública prepara outra manifestación para esa data, así como concentracións nas diversas comarcas galegas. Neste sentido, o colectivo chega a esta nova protesta cos réditos da manifestación convocada este domingo.

A plataforma era coñecedora do risco de tentar encher a praza do Obradoiro cunha gran protesta en defensa da sanidade pública. Os integrantes da coordinadora da plataforma sabían que iso só se conseguira anteriormente durante as mobilizacións de Nunca Máis e nunha das primeiras de Queremos Galego nos días previos á aprobación do Decreto de plurilingüísimo en 2009. Neste sentido, estaban advertidos da necesidade de contar con máis de 55.000 persoas para cumprir o obxectivo.

A primeira praza da capital da Galiza ficou pequena para recibir a mobilización. Unha parte substantiva dos manifestantes xa non accederon á praza do Obradoiro e outro grupo non menor entrou na mesma cando se daba remate ao acto coa interpretación do Himno galego. Sexa cal for o seu número exacto, os asistentes superaron as previsións dos organizadores pero sobre todo do PP, que nos días previos limitouse a criticar a mobilización baixo o argumento de estar impulsada polas forzas da oposición.

O éxito da mobilización do 12 de febreiro é para as formacións da oposición un fracaso do Partido Popular. Neste sentido, explican que as políticas dos populares favoreceron o deterioro do sistema sanitario público e destacaron pola súa incapacidade para ofrecer solucións aos usuarios da sanidade galega. Ao tempo, desde as filas conservadores xorden voces críticas pola táctica escollida para desmobilizar a cidadanía e por entregarlle á oposición a bandeira de defensa da sanidade pública.

A liña comunicativa despregada polo PP garda semellanzas coa empregada na primeira fase do conflito do Prestige. A este respecto, destaca a campaña desenvolta nas redes sociais polos principais dirixentes do partido e polos seus responsábeis gobernamentais a nivel local, comarcal e galego, culpando a nacionalistas e socialistas de ser as mans negras detrás dunha reivindicación caracterizada pola súa capacidade de sumar un público transversal no social e plural no territorial.

Os propios dirixentes populares caeron na conta do seu erro unha vez coñeceron a participación da mobilización. Nesta dirección, resultaron significativas as propias palabras de Alfonso Rueda desde a Feira do cocido de Lalín, expresando o seu respecto aos manifestantes que estivera insultando os días previos, ou do seu voceiro parlamentario Pedro Pui, recoñecendo as eivas do sistema sanitario galego.    

O campo de xogo

A campaña de recollida de sinaturas da ILP a favor dun novo modelo de Atención Primaria e a mobilización do domingo sitúa o centro do debate político no campo xogo complicado para o PP.

Neste sentido, a situación do sistema sanitario vai pairar sobre toda a pre campaña e campaña das eleccións locais, ao coincidir no tempo con novas mobilizacións convocadas desde SOS Sanidade Publica e os seus parceiros territoriais.