SOS Ourense, chamada urxente de auxilio

A plataforma, integrada por máis de 70 colectivos da cidade, foi presentada publicamente o pasado 5 de novembro. (Foto: Nós Diario)
No día de hoxe maniféstanse en Ourense 74 colectivos sociais, culturais e económicos baixo o amparo da plataforma SOS. Ourense. O obxectivo da manifestación é protestar contra as políticas do alcalde e para intentar remediar unha situación que os colectivos din que “xa vén de lonxe”.

Di a terceira lei de Newton que toda acción ten unha reacción igual e contraria. Algo semellante pode aplicárselle ao Concello de Ourense, onde dous anos das políticas do alcalde por Democracia Ourensá (DO), Gonzalo Pérez Xácome, tiveron como resposta o nacemento da plataforma SOS Ourense, un espazo común no que 71 colectivos sociais, culturais e económicos da cidade decidiron confluír para conseguir unha maior posición de forza e plantar cara ao “esmorecemento social, ambiental e cultural” que a cidade vive. 

Na presentación da plataforma e lectura do seu manifesto, xa se deixou claro a primeira gran acción que tiñan pensado levar a cabo. Unha manifestación esta tarde que agardan “multitudinaria” e que sairá da Subdelegación do Goberno español ás 19.30 horas. As convocantes pídenlle á veciñanza que acuda e achegue “o seu gran de area” para reverter a situación na que se atopa actualmente Ourense. Mais, cal é a realidade que vive actualmente a cidadanía?

A voceira de SOS Ourense Natalia Piñeira sinala, en declaracións a Nós Diario, que a cidade leva anos “estancada ou en retroceso”. Á hora de apuntar responsábeis desta situación, afirma que as culpas deben estar compartidas. Por un lado, os Gobernos locais encabezados por formacións políticas que “só miran polo seu propio ben” e que se dedicaron durante anos a “reducir e deteriorar a calidade” do concello. Mais Piñeira non quere exonerar de toda a culpa a propia veciñanza. 

“As habitantes desta cidade, como tamén as habitantes de toda a Galiza, levan anos a tragar coa perda de dereitos como se se tratase de algo natural”, apunta, “e semella que só se reacciona cando achegamos a un punto inxustificábel”. A portavoz cre que até chegar a ese punto de plantarse, a poboación perde moito máis do que é consciente. “Por iso queremos darlle a oportunidade á xente de Ourense de que poida ter voz e espazo onde proxectala”, destaca. A plataforma traslada que o obxectivo da concentración é “comezar a espertar a veciñanza do concello para que a tendencia de Ourense non se volva irremediábel”. “Agora mesmo somos o choqueiro da Galiza e de todo o Estado”, conclúe Natalia Piñeira.

Desleixo no sector cultural

O sector da cultura é outro dos que máis desleixo sufriu por parte dos Gobernos do PP e de DO nos últimos anos. A pianista e licenciada en Historia da Arte Olga Brañas, quen tamén está integrada dentro da plataforma, explica que, se ben a alcaldía de Xácome supuxo unha estocada case definitiva para a cultura de Ourense -“este goberno fechou o museo municipal, deixou a veciñanza sen programación para as Letras Galegas, sen festas do corpus... a lista é interminábel”, afirma-, a situación é moi crítica xa desde hai anos, cando o PP estaba á fronte do Concello e comezaba co desmantelamento cultural. 

Non dubida en definir Ourense como un “deserto cultural”. Brañas tamén engade que a resposta do Goberno ante cada nova decisión é a mesma: “a cultura é prescindíbel” e “os cartos públicos non se deberían destinar á cultura”. Para a pianista, a situación é incluso máis grave do que se ve nos medios de comunicación e recoñece que “ser agora mesmo cidadán de Ourense é moi triste”. Porén, defende que este contexto podería reverterse con “vontade”. “A que lle falta ao Goberno e a que demostra a veciñanza”.

A pesar de que as críticas seguen a crecer entre os diversos sectores que conforman o tecido social ourensán, Xácome optou por atacar e desacreditar desde o primeiro momento SOS Ourense. Entre outros cualificativos, definiu a plataforma como un “movemento troiano”, e afirmou que está a empregar “como un kleenex” as asociacións que forman parte da propia plataforma para ir máis adiante a unhas futuras eleccións. 

Neste clima de belixerancia desde as institucións, os colectivos sociais consideran máis indispensábel que nunca rachar coas “falsas” acusacións de partidisimo e conseguir que a veciñanza se mobilice pola cidade e que loite para cambiar o actual modelo de políticas “esmorecentes” aplicado por Democracia Ourensá “en conivencia co PP”. 

Só así se conseguirá que Ourense non chegue a converterse nun exemplo perfecto daqueles versos de Celso Emilio Ferreiro que din “todas as cousas morren i esmorecen, somentes tí, lembranza, te eternizas”. SOS Ourense fai un chamado urxente de auxilio para que a cidade poida recuperar o esplendor de antano e non perderse no recordo e na memoria.

"Ourense precisa de ti"

Finalmente, o lema escollido polos colectivos de SOS Ourense para encabezar a manifestación desta quinta feira é “Ourense precisa de ti”. Buscan facer unha chamada de apoio entre toda a veciñanza do concello para sumar folgos e postular unha alternativa real de xestión municipal para Ourense.