'Somos unha nación'

Vía Galega leva o día 24 á rúa a defensa do dereito á autodeterminación do pobo galego

Acto de presentación da manifestación nacional 'Somos unha nación'. (Foto: Arxina).
"Somos unha nación" é o lema escollido pola plataforma Vía Galega para a manifestación nacional que convoca o 24 de abril en Compostela e na que defenderá o dereito de autodeterminación para a Galiza. "Só con soberanía a Galiza terá futuro e unha sociedade máis xusta", sinalou no chamamento a participar desta mobilización.

Vía Galega —integrada por 62 entidades e colectivos de diferentes ámbitos— fixo un chamamento á cidadanía galega a participar o domingo 24 de abril na manifestación nacional que convoca en Santiago de Compostela co lema "Somos unha nación" e na defensa do dereito a decidir do pobo galego. 

Anxo Louzao, da portavocía de Vía Galega, explicou onte que este mes de abril fanse 176 anos das Revolución Galega de 1846, "un dos episodios máis importantes da nosa historia", un "fito que estaba colocando os alicerces do nacionalismo soberano e emancipador".

Mais desde Vía Galega incidiuse en que a manifestación do día 24 "non é só" lembrar aquel feito, senón reclamar "os nosos dereitos como nación" nun marco, o actual, no que a "falta de soberanía" implica unha "subordinación". Unha situación, manifestou Louzao, que se evidencia tamén na actual crise de suba de prezos. "Temos dos salarios máis baixos do Estado e das pensións máis reducidas", dixo, "exportamos 30% da electricidade que producimos e non temos nin tarifa eléctrica galega nin unha empresa pública do sector". Unha mostra máis de "espolio" e "dependencia" que só pode superarse cun "modelo autocentrado", cuxa construción só virá, asegurou, con soberanía.

"Plena capacidade política"

No acto de convocatoria da mobilización nacional procedeuse á lectura do manifesto "Somos unha nación" a cargo da actriz e comunicadora Neves Rodríguez, o músico Pablo 'Jásper' Nao e a escritora Marta Dacosta. "Non hai democracia nin liberdades individuais plenas se se prohiben exercer as colectivas, como o dereito inalienábel á autodeterminación da nación galega", leu Rodríguez, que defendeu que "o pobo galego ten dereito a ser soberano para dicidir o seu futuro".

O cantante de 'Nao', Jásper, incidiu en como "precisamos plena capacidade política para impedir o espolio dos nosos medios e recursos, para dispor da nosa riqueza, do noso aforro", denunciando que a realidade actual é que o país "continúa nun desmantelamento industria crónico e a mocidade segue condenada a emigrar". Por iso, emprazou, "a soberanía é imprescindíbel" de cara a "mellorar no nivel de vida do conxunto da sociedade". 

Antolín Faraldo no S. XXI

Por último, a poeta Marta Dacosta chamou a "combater e desenmascarar a falsidade de que a Galiza é un país subsidiado" e lembrou as 4.000 empresas que operan aquí mais tributan fóra da Galiza ou "os 3.000 millóns de euros máis cos que contribúe a Galiza en relación aos recurso que recibimos do Estado". 

Por iso, convidou a se manifestar o día 24 en Compostela "baixo o berro de Antolín Faraldo  "de non queremos ser máis que galegos!"