Sen solucións á vista para o colapso na Atención Primaria

Consulta de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Foto: CRTVG).
CIG-Saúde demanda "máis medios humanos e económicos" á Xunta, acusándoa de "maquillar a ausencia de profesionais" primando a atención telefónica nestes meses.

A pandemia da Covid-19 puxo o foco na Atención Primaria, sumando novas responsabilidades e tarefas a unha especialidade sanitaria cuxo persoal vén denunciando unhas axendas excesivamente cheas. En 2019, as e os profesionais deste servizo canalizaron as reclamacións  de máis contratacións e tempo para os doentes en tres folgas ao longo do ano.

Segundo sinala a CIG-Saúde, a maior carga de traballo que implicou o coronavirus non foi acompañada por un cambio nas políticas sanitarias do partido no poder desde hai once anos. De facto "empeoráronse as condicións laborais do persoal e, sobre todo, empeorouse a asistencia sanitaria que se presta",  asegura a secretaria nacional do sindicato, María Xosé Abuín.

As protestas do pasado ano levaron á formación dunhas mesas de traballo centradas na elaboración dun Plan galego para a Atención Primaria, mais as súas carencias motivaron a terceira folga do 2019. Esta folla de ruta é unha demanda que sindicatos e asociacións sanitarias veñen reiterando desde 2009.

A secretaria nacional da CIG-Saúde apunta que desde que o Partido Popular chegou ao Goberno galego con Alberto Núñez Feixoo á fronte suprimíronse as xerencias de Atención Primaria e elimináronse postos de traballo "con xubilacións obrigatorias aos 65 anos sen incorporar as prazas MIR (Médico Interno Residente) que garantisen a súa reposición".

Abuín agrega que se dificultou a solicitude de exploracións complementarias e mais a derivación de doentes á atención hospitalaria. Un atranco que, afirma, anulou a capacidade resolutiva das e dos profesionais e colapsou os servizos de Atención Primaria. 

Atención telefónica

Coa chegada do virus, a CIG-Saúde denuncia que a resposta do Sergas fose primar as consultas telefónicas. "Intentaron maquillar a ausencia de profesionais procurando, ademais, responsabilizar o persoal da situación de colapso", critica. E engade que a dificultade para solicitar unha cita nos centros de saúde  "vén confirmar" esa falta de persoal.

Así, a central sindical reclama ao Executivo galego "os recursos humanos e materiais necesarios" para exercer o seu labor" nunhas condicións dignas, con seguridade para a súa saúde e a da poboación". 

O conselleiro defende a herdanza recibida

O comunicado enviado pola CIG coincidiu coa comparecencia do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento da Galiza, onde reafirmou "o compromiso co primeiro nivel atención sanitaria que se vén mantendo dende o Servizo Galego de Saúde mediante a construción de novas infraestruturas, investimento en equipamento e creación de novas prazas de profesionais".