A CIG denuncia que o Sergas está a sobrecargar a Atención Primaria con probas “para dar a sensación de seguridade”

Unha sanitaria fai unha proba nun coche (Foto: Carlos Crespo / Europa Press)
A central sindical da comarca da Coruña asegura que os desprazamentos aos centros educativos para facer probas ao personal dificultan a atención nos centros de saúde. Ademais, entenden que son test de "baixa fiabilidade"

“O Sergas sobrecarga máis a Atención Primaria ao obrigala a facer os tests do virus SARSCoV-2 ao profesorado e o resto de persoal dos centros escolares”. Deste xeito se manifestaron onte desde a central sindical da CIG, que subliñou que “A Coruña vai ser a única área sanitaria onde a gran maioría destas probas se farán nos propios centros escolares”.

Isto implica desprazamentos dos equipos sanitarios, deixando supostamente desatendidos os centros de saúde.

“A atención primaria está nunha situación insostible, onde a falta de profesionais é superior a anos anteriores e soportando a situación asistencial derivada da pandemia da Covid-19”, lamentou a secretaria comarcal da CIG-Saúde, Lucía Peón.

Neste sentido, comentou que serán 7.000 as persoas ás que hai que facer os tests e despois citar para darlles o resultado. Ademais “nos colexios que teñan máis de 12 traballadores (case todos) o persoal de enfermaría terá que facer o desprazamento”.

A respecto das condicións laborais, Peón resaltou que estas medidas tamén implican “un desgaste mental importante” e engadiu que a cidadanía “debe saber que esta actuación é inútil.

“A ninguén lle gusta facer algo que sabe que é inútil, pero é peor aínda cando, por facelo, sabes que van aumentar as listas de espera para analíticas ou para ver pacientes que realmente o necesitan”, reflexionou a representante. Así referiuse á “baixa fiabilidade dos test que a Xunta decidiu facer”, pois sempre segundo as súas palabras “non valen para tomar decisións”.