A Covid-19 e a falta de persoal sanitario aumentan a presión hospitalaria

Persoal sanitario atende na UCI un paciente de Covid-19 (Europa Press).
A carencia de persoal e o aumento da demanda por parte das usuarias da sanidade pública eleva a presión asistencial nos hospitais da Galiza. A anticipación da segunda onda da pandemia de Covid-19 suma unha sobrecarga que xa comezan a padecer algúns servizos concretos da medicina especializada.

A segunda vaga de contaxios por coronavirus trasladou a presión asistencial dos servizos hospitalarios á Atención Primaria. Con máis de 4.000 casos activos, máis de 200 persoas hospitalizadas e unha trintena de pacientes en unidades de críticos, a presión derivada da Covid-19 concéntrase sobre todo nos centros de saúde, que co inicio do curso escolar asumiron, ademais, a encarga de actuar como espazo de referencia dos colexios e institutos para resolver calquera dúbida ou incidencia que se produza nos centros educativos relacionada coa pandemia.

O perfil dos doentes mudou. A incidencia da enfermidade mantense pero aínda non xera necesidades asistenciais no ámbito hospitalario tan severas como as que exixiu durante a primavera. Con todo, a medicina especializada e, en particular, unidades fundamentais para o coidado dos doentes máis prexudicados pola Covid-19 ou por calquera outra patoloxía ordinaria, recoñece unha sobrecarga de traballo que se pode agravar nos vindeiros meses.

Urxencias saturadas

A aparición dos primeiros casos de patoloxías estacionais asociadas ao outono súmase agora á paralización da atención sanitaria tras a chegada do coronavirus.

O atraso acumulado complicou a saúde de moitas persoas que, após o confinamento, non se conforman cunha consulta telefónica. "A demanda nas Urxencias do Hospital Lucus Augusti de Lugo (HULA) é moi alta", declara Mónica Roca, enfermeira do servizo, "tanto de patoloxías normais como respiratorias. Non todas son Covid, por suposto, pero a simple sospeita fai que o traballo sexa máis duro". Roca recoñece, ademais, un aumento da carga asistencial procedente da Atención Primaria. "O cribado que impón o Sergas deixa fóra das consultas presenciais moitas pacientes que defenden a necesidade de seren vistas por un médico cando elas consideran e saben que en Urxencias as vai ver".

Hai unidades que permanecen fechadas porque non hai profesionais para podelas abrir.

A falta de persoal sanitario dificulta a situación. "A triaxe de respiratorio no HULA está fechado porque non hai enfermeiras suficientes, cando debería estar funcionando o dobre circuíto desde esa primeira clasificación".

O déficil de profesionais, que se fai visíbel a través das listas de contratación esgotadas, con perto da metade do persoal en suspensión de chamamentos, tamén se observa nas propias estancias hospitalarias. "Hai unidades que permanecen fechadas porque non hai profesionais para podelas abrir", aseguran desde a Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. "Se non hai camas dispoñíbeis non hai onde enviar os pacientes que entran por Urxencias e precisan ingresar. Falla a drenaxe de doentes, que se acumulan nos corredores, e o servizo, colapsa", denuncian.

Nos últimos días, no Hospital de Montecelo de Pontevedra chegaron a xuntar en Urxencias 23 ingresos pendentes  de traslado a planta, inciden desde o colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita. Elas tamén poñen o foco na carencia de persoal, consecuencia de anos de recortes e contratación precaria. "Moitas compañeiras buscaron a vida fóra. Agora a privada ofrece mellores condicións e a xente marcha porque o Sergas non deixa de propoñer contratos lixo".

Medicina Preventiva

No mesmo centro hospitalario, a falta de persoal mantivo até esta semana tres unidades clausuradas. "Veñen de abrir unha delas para doentes Covid, que se suma á área de Pneumoloxía".  Pero con perto de 600 doentes en seguimento domiciliario, a presión asistencial máis alta, din, recae no persoal de enfermaría de Medicina Preventiva. "Había unha enfermeira por quenda para o control diario de 400 doentes positivos. A cifra aumentou nos últimos días e obrigou a reforzar o servizo, porque era imposíbel asumir o traballo".

Coidados Intensivos

A Unidade de Coidados Intensivos do Hospital de Ourense mantén ocupadas catro das setes camas dispoñíbeis para doentes  de Covid-19. "De momento a presión é asumíbel. Temos tres postos libres e sete máis en Reanimación. A nosa preocupación céntrase no impacto que poida ter a partir do mes que vén a Gripe A e outras infeccións respiratorias que o ano pasado xa puxeron en apuros a unidade", afirma Hugo Babarro, enfermeiro da UCI. "A esta incerteza hai que sumarlle a carencia de persoal. O que aínda aguanta está moi queimado, especialmente os que entran e saen con contratos de días, pendentes dunha chamada 24 horas ao día 365 días ao ano. Somos un país que inviste na formación dos seus profesionais sanitarios para que despois teñan que emigrar na busca dun proxecto de vida estábel", conclúe.

"A sobrecarga de traballo é bestial"

O servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago rexistra cada vez máis ingresos. "Antes da Covid-19 acadamos o cumio. Tivemos máis de 200 doentes hospitalizados cando non superamos as 130 camas", asevera o médico da unidade de enfermidades infecciosas Hadrián Pernas. "A esta presión hai que engadirlle a derivada do coronavirus, sen aumento ningún de persoal especializado en 10 anos".

Pernas denuncia unha sobrecarga que os priva dunha asistencia de calidade. "Un médico de hospitalización non debería ver máis de 8 pacientes ao día. O normal é que levemos 14 ingresos, e hai días que chegamos aos 20. E por riba, con pacientes en todas as plantas, con camas bloqueadas en Vascular, Xinecoloxía, Neuroloxía... A sobrecarga é bestial. En Microbioloxía, en Preventiva. Teño a impresión de facer unha medicina de batalla, que nin os doentes nin os familiares merecen".