A solidariedade galega con Palestina volve á rúa contra o "silencio" internacional

Concentración de apoio a Palestina decorrida esta cuarta feira en Vigo. (Foto: Nós Diario)
A cidadanía exixe suspender a venda de armas a Israel.

Máis de trinta cidades e vilas da Galiza volveron encherse esta cuarta feira de solidariedade co pobo palestino, insistindo na "tarefa" que se propuxeron hai xa máis de cinco meses, desde que o 7 de outubro de 2023 o Estado sionista de Israel intensificou os seus ataques sobre o territorio palestino: "Non deixar de falar de Palestina, combater o silencio e a desidia internacional e sinalar os responsábeis últimos" dun crime que suma xa máis de 32.000 asasinatos. 

Convocadas por Mar de Lumes, BDS-Galiza, Galiza por Palestina e a Asociación Galaico-árabe Jenin, milleiros de persoas clamaron onte ante a "indiferenza" de Israel contra os dereitos humanos.

"Pasan as semanas e os meses e Israel continúa masacrando" o pobo palestino, denunciaron, facendo alusión ao ditame do Tribunal Penal Internacional que recoñeceu o carácter de xenocidio da agresión en curso, e á resolución do consello de Seguranza das Nacións Unidas que obriga a deter as operacións militares. "Israel decidiu simplemente ignorar todo o que fora contra os seus intereses colonialistas".

As manifestantes acusaron abertamente a "inacción" dos gobernos, así como a súa "complicidade", demandando accións para continuar a "abrir fendas no apoio inicial da comunidade internacional ao Estado terrorista de Israel". 

Concentración decorrida esta cuarta feira en Vilagarcía (O Salnés). (Foto: Nós Diario)

E é que a "resolta resistencia do pobo palestino" e a "presión" nas rúas e cidades de todo o mundo fixeron que, a día de hoxe, "escoitemos declaracións de gobernos que no inicio desta fase xenocida ninguén dicía". "Máis temos que continuar premendo", afirmaron, "mentres o pobo irmán palestino continúa resistindo en Gaza, na Cisxordania, en Xerusalén e en todas as terras ocupadas" polo Estado sionista de Israel.

Reclaman sancións e desinvestimentos 

Os convocantes exixiron o recoñecemento "inmediato" do Estado Palestino, "desde o río até o mar e sen reservas"; a suspensión tanto do comercio de armas como dos investimentos na industria militar israelí; e que a Unión Europea adopte medidas de sancións e desinvestimentos en Israel, "para que bloquee o comercio de armas e cortes as súas relacións preferentes co sionismo". "Non podemos permitir que Israel continúe a marcar a política internacional a base de masacres", censuraron.