A solidariedade galega co pobo palestino sae de novo ás rúas

Concentración en solidariedade con Palestina, onte en Ribeira (O Barbanza). (Foto: Nós Diario)
Mobilizacións por oitava semana consecutiva.

Despois dun alto o fogo "tan insuficiente como é a resposta da chamada comunidade internacional, que non esconde a súa complicidade con Israel e mantén o seu discurso do dereito á defensa", centos de persoas saíron esta segunda feira, 4 de decembro, de novo ás rúas de vilas e cidades da Galiza en solidariedade co pobo palestino. 

Convocadas máis unha vez por Mar de Lumes, BDS Galiza, a Asociación Galego Árabe Jenin e Galiza por Palestina, e baixo o lema de "Palestina vencerá", perto de trinta localidades galegas acolleron por oitava semana consecutiva mobilizacións en rexeitamento do xenocidio que o Estado sionista de Israel está a exercer sobre o pobo palestino "co visto e prace da comunidade internacional". "Europa foi responsábel dun xenocidio hai 80 anos e agora é responsábel doutro. Non seremos cómplices silenciosas. Non no noso nome!", denuncian desde Galiza por Palestina. 

Na oitaba convocatoria de ámbito comarcal e local desde que se intensificaron as agresións o 7 de outubro, veciñas e veciños de toda a xeografía galega volveron mostrar a súa solidariedade co pobo palestino e a súa repulsa a un asoballamento que xa provocou a morte de máis de 15.000 persoas e arredor de 41.000 feridas, segundo datos trasladados polas autoridades de Gaza o domingo 3 de decembro.

Embargo militar

As concentracións de onte volveron chamar a boicotear os produtos israelís e as empresas que "van de mans dadas cos xenocidas". Nesta liña, ao chamamento a boicotear tanto produtos fabricados por Israel en territorio ocupado a Palestina como ao boicot ao seus produtos culturais, súmase agora unha campaña do movemento BDS Galiza que busca recoller sinaturas para exixir que o Estado español deixe de participar no comercio militar con Israel

BDS alega que as exportacións españolas e europeas ao Estado israelí violan sete das oito normas comúns que rexen o control das exportacións de tecnoloxía e equipos militares.