Solicitan á Xunta que non autorice o parque eólico Pena dos Mouros, na Costa da Morte

Parque eólico na serra do Candán, nas comarcas do Deza e Terra de Montes. (Foto: Arxina)
O polígono eólico proxéctase nunha zona "de gran riqueza ornitolóxica por constituír parte dun importante corredor migratorio para millóns de aves terrestres que cruzan, moitas delas pola noite, por esa zona da Galza cara ao sur da península e África”

A organización ecoloxista SEO/BirdLife presentou alegacións ao proxecto de parque eólico Pena dos Mouros que se pretende desenvolver nos concellos de Laxe, Vimianzo e Camariñas. SEO/BirdLife súmase, con esta iniciativa, á xa iniciada por entidades como a Asociación Salvemos Cabana, que o pasado 31 de marzo chamaba a veciñanza a rexeitar o proxecto de Pena dos Mouros polo seu impacto sobre a paisaxe e a biodiversidade. 

Formaría parte do complexo eólico formado por tres centrais eólicas moi próximas e compartirían a mesma liña de evacuación, Pena dos Mouros, Monte Chan e Soesto, polo que se “produciu unha fragmentación do que debería ser un proxecto único en varios proxectos de menores dimensións para tentar así que no proceso de avaliación o impacto puidese parecer menor”, segundo indican desde SEO/BirdLife.

Os proxectos de Monte Chan e Soesto xa recibiron por parte da Xunta unha declaración ambiental desfavorábel polos graves impactos que suporía a súa aprobación e posta en funcionamiento.

Segundo SEO/Birdlife tampouco se analizou o impacto sinérxico e acumulativo de Pena dos Mouros (oito xeradores de 5 Megawatts de potencia cada un) sobre a paisaxe ou a biodiversidade, que se uniría aos outros 18 proxectos e 176 aeroxeradores que nun radio de 10 quilómetros xa están instalados ou en vías de instalación na zona.

Este proxecto eólico “pretende instalarse a escasos 300 metros de espazos protexidos da Rede Natura 2000 declarados pola súa gran importancia ornitolóxica, como son as Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Costa da Morte, que grazas aos seus valores ornitolóxicos están tamén catalogadas como Áreas de Importancia para a Conservación das Aves e a Biodiversidade (ÍA) a nivel internacional”.

Corredor migratorio

Trátase ademais, sinalan “dunha zona de gran riqueza ornitolóxica por constituír parte dun importante corredor migratorio para millóns de aves terrestres que cruzan, moitas delas pola noite, por esa zona da Galza cara ao sur da península e África”.

A isto súmase a existencia nas proximidades de humidais como a lagoa de Traba, que se atopa dentro das áreas críticas designadas polo Goberno galego dentro do Plan de Recuperación, catalogado como “en perigo de extinción” a nivel galego e estatal.

Pola súa proximidade á costa, trátase dunha zona moi sensíbel tamén pola presenza dun bo número de aves mariñas que utilizan tamén o próximo espazo costeiro terrestre e que poderían verse seriamente afectadas.

“As especies máis afectadas por esta situación serían aquelas que se reproducen na costa pero que utilizan o espazo aéreo terrestre adxacente, como o fan os falcóns peregrinos ou peneireiros vulgares da zona, especies moi susceptíbeis a chocar. Especialmente grave sería o caso de especies migratorias como a gaivota sombría que na súa migración entra polo norte da Galiza e en lugar de viaxar pola costa atravesaría este territorio por terra en grandes números”, apuntan.

“Renovábeis responsábeis”

SEO/BirdLife considera que as enerxías renovábeis son absolutamente imprescindíbeis para poder afrontar os dous grandes desafíos das próximas décadas: o cambio climático e a pérdida de biodiversidade.

Por iso, tamén é absolutamente imprescindíbel que o seu necesario despregamento -en todos os tamaños- “sexa responsábel”, isto é, respectuoso cos espazos e especies de alto valor natural, e participado pola cidadanía.