Sofía Gutiérrez: "Se non sabes nada da historia das mulleres é porque ninguén cha contou"

Sofía Gutierrez Pereira xunto á escultura de Concepción Arenal en Compostela (Foto: Nós Diario).
Sofía Gutiérrez Pereira e Pablo Sarmiento-Neira veñen de publicar na revista Mazarelos un traballo que analiza a deficitaria presenza da muller nos nomes das rúas, prazas ou na representación na esculturas das cidades galegas. No seu proxecto 'Creando cidade', ademais, achegan algunha solución que facilite a visibilización da muller.   

-Como nace o voso proxecto?

'Creando cidade' xurdiu dos percorridos que facíamos Pablo Sarmiento-Neira máis eu pola cidade de Compostela e de detectar que non había moitas mulleres representadas en estatuas máis alá de Rosalía de Castro e As Marías. Comezamos a investigar e indagamos como estaban outras cidades nesta mesma situación. 

-Que intención hai tras o nome dunha rúa ou dunha praza como para discriminar a presenza da muller?

Cada cidade ou cada espazo constrúe o seu significado. Buscan persoas que tiveran relevancia nese lugar. Aquí en Compostela pode predominar a idea do camiño de Santiago ou tamén da relixión, sempre que estean relacionados coa cidade aínda que hai veces que non o está. Tírase máis de homes por ser aos que se lle fai ese recoñecemento e as mulleres quedan esquecidas. Pode que no seu momento si teñan moita relevancia mais logo despois como non hai ese recoñecemento vanse esquecendo.

As estatuas, por exemplo, son elementos que quedan nos lugares durante moito tempo e vémolas todos os días. Igual non sabes de quen se trata mais si sabes que é un home ou unha muller. Ao final constrúes o teu pensamento a raíz diso e podes chegar á conclusión de que non hai tantas mulleres relevantes. 

-Que tipo de mulleres aparecen máis representadas nas cidades galegas?

Aquí en Compostela, ademais de Rosalía de Castro e As Marías, a maior parte son relixiosas. Son santas ou están representadas en alegorías. A maternidade está moi representada e hai moitas nais para deixar claro os roles que teñen. 

-Que solución propoñen para que nos espazos públicos se visibilicen as mulleres?  

Descubrimos unha aplicación que realizaron en Estados Unidos de América para contar, de maneira virtual, con estatuas de mulleres nas súas rúas e prazas. A nós pareceunos que sería unha boa idea facer algo tamén e propoñemos, a través de códigos QR, achegarnos a mulleres que poderían estar neses espazos. A propia pandemia normalizou e espallou o uso deses códigos e pode acceder case calquera a través do seu terminal móbil. A nosa idea era contextualizar.

Se agora atopamos unha figura masculina ver que pode haber unha feminina equivalente, que teña sentido esa mudanza. Hai outras alternativas como, por exemplo, poñer máis estatuas de mulleres. Mais implica un gasto maior. Outras cidades buscaron a implicación da muller no espazo, é o caso dos mapas do medo feitos polas propias mulleres  que viven nelas e marcan zonas que consideran perigosas por calquera motivo a través de situacións que viviron.

-Cre que as institucións, nomeadamente os concellos, teñen algunha responsabilidade en rectificar esta situación?  

Desde logo, como en todo, as institucións públicas teñen moita importancia. Se decides facer unha rúa nova que non ten nome quizais habería que realizar un traballo previo de investigación e buscar unha figura que non sexa un home outra vez. Por outra lado creo que se poden facer outras cousas. 

En Compostela temos o exemplo de rutas que se fixeron polos lavadoiros e outros lugares para poñer en valor espazos onde estaban as mulleres. Algo semellante que sexa, despois, promocionado para que a xente o coñeza. Hai unha falta de oferta e se non sabes nada da historia das mulleres e porque ninguén cha contou, non é que non exista e as institucións teñen a obriga de informarse, informar e transmitir eses coñecementos.