O guitarrista David Regueiro publica novo disco

O camiño de Santiago leva ao jazz con pasos de música tradicional

O camiño de Santiago tamén pasa polo jazz. O guitarrista David Regueiro publica un disco no que as harmonías galegas se incrustan nas estruturas dun xénero capaz de absorbelo todo. 'O camiño' inspírase na música tradicional  sen perder a esencia jazzística dun cuarteto que explora novos camiños pola ruta da tradición. 
Desde a esquerda, Sergio González, David Regueiro, Alfonso Calvo e Pablo Castaño, os integrantes do cuarteto. (Foto: Fundación Vicente Risco)
photo_camera Desde a esquerda, Sergio González, David Regueiro, Alfonso Calvo e Pablo Castaño, os integrantes do cuarteto. (Foto: Fundación Vicente Risco)

Maruxa é nome de guitarra. Concretamente, da guitarra coa que David Regueiro gravou O camiño, un disco para cuarteto de jazz que trata de reflectir a experiencia de facer o camiño de Santiago. O construtor de Maruxa, o luthier Carlos Sabafrén, que traballa en Allariz, combinou madeiras de nogueira e de castiñeiro para dotala dun son, nas súas palabras, “moi doce, con graves pouco contundentes”, que era o que buscaba o guitarrista. Regueiro, ademais, suxeriu outros cambios que lle dan personalidade ao son do disco: “Ademais da pastilla electromagnética que ten a guitarra eléctrica, Maruxa conta cun micro de contacto que capta o son acústico do instrumento, de modo que podo mesturar os dous  para atopar o son que quero conseguir”.  

“Este proxecto partiu dun encargo da Fundación Vicente Risco”, continúa Regueiro, “que propuxo facer esta guitarra e que eu a presentase nunha serie de concertos. Daquela, falei con Luís Risco –que era o presidente da Fundación naquel momento– e propúxenlle facer un disco con temas orixinais, inspirados na música galega, para cuarteto de jazz”. 

Cambio de rexistro

David Regueiro -como testemuñan outras gravacións súas como Areal ou Bird lives!- está especializado en gypsy jazz, un xénero máis apegado ao swing, pero neste álbum cambia de rexistro para conectar coa música de raíz. “Fun moi coidadoso á hora de escoller os músicos, buscando xente que, ademais de facer jazz –que ao final é o que nos define e o que define este disco–, tivesen experiencia na música tradicional galega. O primeiro nome que me veu á cabeza foi o de Pablo Castaño, polo disco que sacou, a-la-láa, para o que investigou moito neste tipo de música e que o convertía na persoa idónea para este proxecto. Co contrabaixista Alfonso Calvo xa teño traballado moito e sei que coñece esta música desde hai moitos anos. E con Sergio González é a primeira vez que toco, pero coñézoo desde hai tempo, tiña ganas de tocar con el e pareceume o momento perfecto para facelo”.

A ponte entre a música tradicional e o jazz foi pensada mediante a viaxe a través do camiño. “Quería apoiarme na tradición galega, mais este é un disco de jazz e non me quería afastar do estilo no que eu me atopo cómodo. Tratamos de darlle a cor da música tradicional coas harmonías, un pouco coas melodías e, sobre todo, cos ornamentos propios da música galega. Pero sempre dentro do contexto do jazz, non me atrevería a dicir que este sexa un disco de música tradicional”.

Chiscadela a Carvalho

Unha das curiosidades de O camiño é a inclusión de “Mulher”, unha versión do poema de Carvalho Calero na voz de Gloria Pavía. “Era o ano Carvalho Calero e, despois de tantos anos loitando para que lle concedesen o Día das Letras, tócalle a pandemia. Pensei que era de xustiza tratar de apoiar no que puidese. Escollín 'Mulher' porque é un poema que me gusta e porque me parecía moi musical”, explica Regueiro. “Primeiro convertino nun fado, mais axiña me decatei de que non pegaba moito no disco e adapteino a bossa nova, que semella máis coherente coa música do cuarteto”.  

A dificultade de tocar ao vivo no ano da pandemia

O disco sae nun mal momento para a música en directo e o cuarteto non puido facer a xira de presentación esperada. “Xa levamos unha chea de datas adiadas e agora mesmo temos compromisos, mais sen data confirmada. O proxecto inicial contemplaba dez concertos ao longo da xeografía galega, mais non sei se poderemos facelos todos por culpa desta situación tan cambiante á que nos levou a pandemia e as restricións sanitarias que se derivan dela”.

Mais en todo caso, e facendo abstracción da circunstancia actual –se é que iso é posíbel–, o panorama non é demasiado indulxente co jazz en directo. “A situación xa non era boa antes de que comezase a pandemia, moitos lugares onde se podía tocar jazz en directo xa fecharan as súas portas. E agora, outras salas tamén se van ver obrigadas a fechar pola presión económica que están a sufrir, así que non sabemos cales van ser as posibilidades cando todo isto acabe”, reflexiona Regueiro. “E haberá que ver como responde o público: agora mesmo estamos inmersos nunha dinámica na que os hábitos son moi domésticos, de consumir todo desde a casa e non asistir a espectáculos en directo, así que non sei en que medida vai afectar iso ao comportamento do público cando se restabeleza unha certa normalidade. A cousa non pinta nada ben”.

Comentarios