Os sobreviventes do naufraxio chegarán este sábado a Saint John, onde xa atracou o buque 'Nexus'

A bordo do 'Praia Menduíña 2' viaxan os tres sobreviventes e sete dos corpos atopados (Foto: vesselfinder.com).
A arribada do buque 'Praia Menduíña 2' atrásase polas condicións meteorolóxicas finalmente á mañá deste sábado, segundo informa Salvamento Marítimo.

A pesar de que a súa chegada ao porto canadense de Saint John estaba prevista inicialmente para as 16.30 horas desta sexta feira, finalmente o buque 'Praia Menduíña 2', a bordo do cal están os tres sobreviventes e sete dos corpos atopados após o naufraxio do 'Vila de Pitanxo', arribará na mañá deste sábado.

Aliás, o barco de bandeira canadense 'Nexus' chegou a este porto contra as 13 horas desta sexta feira. Alí viaxan os outros dos corpos rescatados en augas de Terranova.

Con todo, as autoridades aínda non precisaron que día serán repatriados á Galiza tanto os cadáveres como os tres mariñeiros que sobreviviron ao naufraxio, malia que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, apuntou esta sexta feira que a arribada podería darse "a partir do domingo", con base nas informacións que manexa o Goberno estatal.

Seguen as peticións de retomar a busca

O presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, foi o último en pedir esta quinta feira que se retome a busca dos mariñeiros desaparecidos no mar de Terranova tras o naufraxio do barco pesqueiro de Marín 'Vila de Pitanxo', a pasada terza feira, a 450 quilómetros da costa do Canadá.

Touza afirmou que as "prioridades" agora son "apoiar as familias" e "intentar continuar cos traballos de rescate até que humanamente sexa posíbel". Recoñeceu que a decisión das autoridades canadenses de de suspender definitivamente a procura dos doce mariñeiros foi un "mazazo".

Tamén Alberto Núñez Feixoo pediu que se retomen as tarefas de busca. "Onte [pola cuarta feira] tiñamos o anuncio de que se podían retomar nas próximas 24 horas e esta mañá trasladámoslle ao Goberno o noso interese de que se retomen cando menos no día de hoxe, e espero que as autoridades canadenses nos dean unha resposta positiva", dixo.

E fixo o propio a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que instou a retomar a busca outras 24 horas. "Queremos que non quede dúbida ningunha de que se fixo todo o posíbel por esas persoas, sabendo o importante que é para as familias recuperar os corpos para despedir os seus familiares", apuntou.

En resposta a estas demandas, o ministro de Exteriores, José Manuel Albares manifestou: "Agradecín á miña homóloga Melanie Joly a súa axuda nas tarefas de rastrexo do 'Vila de Pitanxo' e pedinlle que, cando as condicións o permitan, sigan colaborando no rescate dos mariñeiros desaparecidos".