Feixoo afirma que os sobreviventes do 'Vila de Pitanxo' chegarán á Galiza "a partir do domingo"

O pesqueiro 'Vila de Pitanxo (Foto: Ministerio de Pesca).
Sobre a posibilidade de retomar a busca dos doce mariñeiros desaparecidos, apuntou: "É de xustiza e necesario seguir tentándoo".

"A partir do domingo". Ese é o posíbel horizonte no que as familias dos tres sobreviventes do 'Vila de Pitanxo' poderían reencontrarse cos seus seres queridos tras o naufraxio do pesqueiro en augas de Terranova, se se cumpren os últimos prazos que, segundo trasladou esta sexta feira o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, manexa o Goberno estatal.

Feixoo participou nunha entrevista con esRadio na que foi preguntado pola situación no Canadá tras o afundimento do pesqueiro con porto base en Marín do que se localizaron tres tripulantes vivos dos 24 que conformaban o equipo de traballo a bordo: o patrón do barco, Juan Padín; o seu sobriño, Eduardo Rial Padín, e o marinense Samuel Kwesi.

Durante as tarefas de busca, que se suspenderon polas condicións meteorolóxicas adversas mais que o Canadá se abriu a retomar cando for posíbel, puidéronse recuperar nove corpos sen vida; outros doce permanecen desaparecidos.

Núñez Feixoo explicou que o último que trasladou o Executivo estatal á Xunta é que os dous barcos que trasladan os sobreviventes e os corpos sen vida recuperados están "a unhas horas" do porto de Saint John de Terranova.

A previsión é que, con independencia de atrasos puntuais, poidan chegar ao longo da tarde desta sexta feira; contra as 16.30 horas, segundo precisaron a Nós Diario fontes de Salvamento Marítimo.

"A partir de aí hai que conseguir que se evacuen e sexan traslados á Galiza de inmediato. Espero que o Goberno estatal dea unha solución cun voo de Terranova a Madrid se non pode ser a Compostela ou Vigo, e a partir do domingo poidamos reparar o irreparábel", subliñou o xefe do Executivo galego.

Antes de coñecer que o Canadá trasladara a posibilidade de retomar a busca en canto mellorasen as condicións, o presidente galego insistira na importancia de tratar de achar máis corpos. "É de xustiza e necesario seguir tentándoo", proclamou.